Vázquez esixelle a Feijóo un compromiso “con luz e taquígrafos, prazos e investimentos” para facer as infraestruturas que precisa Galicia e dependen da Xunta

Vázquez esixelle a Feijóo un compromiso “con luz e taquígrafos, prazos e investimentos” para facer as infraestruturas que precisa Galicia e dependen da Xunta

Vázquez esixelle a Feijóo un compromiso “con luz e taquígrafos, prazos e investimentos” para facer as infraestruturas que precisa Galicia e dependen da Xunta

O Secretario Xeral do PSdeG e presidente do Grupo Parlamentario dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, esixiu a Feijóo un compromiso “con luz e taquígrafos” para garantir as infraestruturas da Xunta en Galicia “con prazos e investimentos” e cun pacto similar ao firmado para garantir á chegada do AVE a Galicia, cuxa macrolicitación, segundo apuntou, será realizada por ADIF este mesmo venres.

Na sesión de control do Parlamento, Vázquez lembroulle a Feijóo que “lle resta un ano e dez meses de lexislatura” e que ata o de agora “o panorama das infraestruturas competencia do Goberno galego é desolador e resúmese nunha palabra: en paralización”.

Así, sinalou que no que respecta ás infraestruturas hidráulicas, todas as obras realizadas nestes dous anos foron licitadas polo anterior goberno socialista, no plan de saneamento de Galicia. “O goberno socialista licitou 25 depuradoras das 27 incluídas no plan, e das dúas que quedaron pendentes (a de Sanxenxo e a de Ribeira), non se sabe nada, porque non hai nin terreos para ubicalas, nin plan, nin licitación”, espetou.

Vázquez criticou especialmente a falla de xestión do Goberno de Feijóo no que se refire ás infraestruturas viarias, e fixo fincapé en proxectos como o corredor da Costa Norte, “que de sete tramos, dous foron adxudicados polo anterior goberno e cinco están sen adxudicar despois de dous anos do goberno actual”.

Engadiu que na vía de alta capacidade Tui–A Garda, “dous tramos foron adxudicados polo goberno anterior e o que falta está sen adxudicar e o único que fixo o Goberno de Feijóo foi (debido a un cambio de trazado) un atentado ambiental sen precedentes contra o río Miño”. Lembrou ademais que na Vía Ártabra “suprimiron a conexión da A-6 coa AP-9, co que esta vía perde todo o seu sentido estratéxico”.

Vázquez tamén aludiu á adxudicación da Autovía Carballo-Berdoias, que describiu como “un sainete que leva camiño de converterse nunha traxicomedia para a Costa da Morte”. Criticou que o Goberno de Feijóo “non foi capaz de explicar a día de hoxe por que anularon o contrato anterior da autovía, por que
fixeron unha nova contratación por 240 millóns máis do previsto inicialmente e por que a anularon despois de que o PSdeG o denunciase”.

Neste punto, o líder socialista pediu a Feijóo que explicase si é certo que a pasada semana mantivo unha reunión co presidente de Dragados e si despois desa reunión Dragados retirou o recurso que tiña presentado contra a adxudicación do Hospital de Vigo. Rematou advertindo que a próxima semana se adxudicará de novo a autovía da Costa da Morte e que Dragados é una das dúas empresas que opta a ela. “En poucos días me dirá se hai relación ou non entre estes tres acontecementos”, concluíu.

Por todo elo, esixiu a Feijóo que “asine por escrito un pacto con Galicia, con prazos e orzamentos, ao igual que o Goberno central fixo co Pacto do Obradoiro” e sinalou que os socialistas galegos “faremos o mesmo que fixeron vostedes, poñer a vixilancia e incluso crear unha comisión para comprobar que se cumpren os prazos”, ironizou.

“Vostede ponlle deberes a todo o mundo e enche titulares esixindo, mentres ten un goberno que vai ao tran-tran, paralizado e cansado”, apuntou, despois de que Alfonso Rueda recoñecese nunha entrevista a un periódico galego que todo o goberno está moi cansado. “Empezou o seu goberno dicindo que a culpa de todos os males era do executivo anterior, despois de Zapatero e agora vai ser da crise de Portugal. É un especialista en paralizar este pais e botarlle a culpa aos que non teñen nada que ver”, sentenciou.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar