Vázquez esixe a Feijóo que "saque do caixón" o Plan Estratéxico da Conserva e o da Acuicultura

Vázquez esixe a Feijóo que "saque do caixón" o Plan Estratéxico da Conserva e o da Acuicultura

O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, reclamou a Feijóo “que saque do caixón o plan estratéxico da conserva e o plan de acuicultura” para revalorizar a Costa da Morte. Así o manifestou hoxe tras visitar a conserveira Cerdemar, unha empresa deste sector na que traballan 170 persoas, 130 delas mulleres.

Vázquez realizou esta visita acompañado do candidato á alcaldía, Manuel Alonso de León, e os deputados provinciais Marisol Soneira e José Luis Méndez Romeu, e ao remate da mesma avogou pola dinamización económica nos concellos para que os cidadáns tanto da Galicia interior como da costeira, teñan oportunidades. Apostou porque os candidatos e candidatas socialistas “vexan sempre na política local un motor de dinamización económica”.

Neste senso, reclamou ao Goberno galego “un maior esforzo” en sectores clave, como o conserveiro, polo que fixo un chamamento a todas as forzas políticas, e en especial ao Goberno galego “para sacar adiante o plan estratéxico da conserva –dotado de 300 millóns de euros polo anterior Executivo socialista-.

Criticou nesta liña que tanto o plan estratéxico da conserva como o plan de acuicultura están “en estadio cero” e “gardados nun caixón hai dous anos”. “É difícil de entender que o Igape devolva 60 millóns de euros e non tire das nosas empresas”.

“Con Camariñas, o PSdeG cumpriu, investindo máis de 13 millóns de euros en saneamento e co proxecto da autovía da Costa da Morte, entre outros”, sinalou, para apuntar que o Goberno galego “non só non realizou investimentos nesta comarca, senón que debe explicar por que retrasou a autovía da Costa da Morte durante dous anos e elevou o seu custo en 260 millóns de euros máis”.

Por todo elo, reivindicou plans específicos para a Galicia atlántica, con maiores investimentos en polígonos industriais, creación de chan industrial e dando aos xovenes oportunidades de traballo nos seus concellos. “Se non o facemos así, o envellecemento poboacional seguirá e non podemos ter o 80 por cento do territorio baleiro”, sinalou.

“Os concellos de Galicia teñen distintas necesidades. Feijóo ten obsesión cunha Galicia única pero Galicia non é única, é plural, porque non ten nada que ver Lobios con Camariñas, pero tan galegos son os de Lobios como os de Camariñas”, apuntou Vázquez.

Preguntado sobre o contrato asinado polos candidatos do PP nas principais cidades para evitar os localismos, Vázquez apuntou que “se hai localismos é responsabilidade do PP, que goberna en 240 concellos”. “O certo é que Feijóo non ten alcaldes nas grandes cidades e pretende ser o alcalde de todas elas. A realidade de Galicia non a vai descubrir agora Feijóo”, remachou.

Por elo, pediu a Feijóo “respecto” á diversidade e a cada concello. “Hai que buscar elementos comúns, pero non a martillazos. O Goberno galego leva dous anos atacando aos concellos onde non gobernan e a administración non está para executar políticas partidistas”, sentenciou.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar