Pachi Vázquez: As inundacións probaron que Feijóo "desaparece" sempre que Galicia ten un problema

Pachi Vázquez: As inundacións probaron que Feijóo "desaparece" sempre que Galicia ten un problema

Pachi Vázquez: As inundacións probaron que Feijóo "desaparece" sempre que Galicia ten un problema

O Secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, lamentou que o ano 2011 se inicie “coa maior cifra de desempregados da historia de Galicia dende que hai rexistro de datos, co maior número de persoas en listas de espera sanitarias e á cola de todas as comunidades nas propostas de pago aos dependentes, o que unido ás dificultades económicas supón “un balance moi negativo dos case dous anos de goberno conservador, con datos moi preocupantes para Galicia”.

Vázquez fixo este análise na rolda de prensa posterior á xuntanza dos socialistas galegos para analizar as incidencias do temporal dos pasados días, na que participaron o portavoz parlamentario, Abel Losada, o secretario de Organización, Pablo García, e os portavoces parlamentarios de Territorio, Infraestruturas, Medio Ambiente, Medio Rural, Emerxencias e Facenda.

“Feijóo e o seu goberno nunca están na foto dos problemas. Nin estiveron nos lumes nin agora coas inundacións”, sentenciou Vázquez, quen acusou á Xunta de “deixar que a natureza decida, mentres deixan sos aos cidadáns”.

Así, denunciou que “o Goberno galego limítase a informar do adversos meteorolóxicos sen poñer en marcha nin unha soa medida preventiva”. Sinalou nesta liña que “dende a chegada de Feijóo á Xunta, hai case dous anos, paralizáronse as políticas preventivas, as limpezas de cauces e dos laterais das estradas locais e autonómicas”.

Lembrou tamén que “seguimos sen o mapa de emerxencias de Galicia, sen un sistema de coordenación que facilite aos afectados pedir axuda, e seguen a ser os alcaldes dos concellos os que asumen esta responsabilidade cos seus propios medios”. Engadiu que “o Goberno de Feijóo paralizou o mapa de zonas inundables no que estaba a traballar o anterior Executivo, a fin de analizar as zonas con maior risco e adoptar medidas preventivas”.

Vázquez lembrou que dende a chegada de Feijóo á Xunta producíronse cinco adversos meteorolóxicos “e só houbo unha orde de axudas para os afectados da Mariña lucense. O resto seguen á espera”.

Petición de comparecencia

Ante esta situación, anunciou que os socialistas galegos pedirán a comparecencia de Feijóo e dos conselleiros de Presidencia, Medio Ambiente e Medio Rural, para que expliquen no Parlamento a xestión realizada en materia de prevención, e que presentarán interpelacións en cada unha destas áreas.

O líder socialista instou ao Goberno galego a presentar, no Consello do vindeiro xoves, unha primeira avaliación dos danos causados polas últimas chuvias, e dar “luz verde” a unha orde de axudas para os concellos, empresas e particulares afectados. Esta petición recollerase nunha PNL na que os socialistas incluirán unha petición expresa para que a Xunta poña en marcha oficinas de información aos cidadáns en cada unha das comarcas afectadas.

Vázquez adiantou que o PSdeG presentará tamén iniciativas nos concellos, a través dos alcaldes e portavoces socialistas, co fin de “facer presión para que o Goberno galego rompa con esta dinámica de pasividade e paralización, e estea onde ten que estar, que é ao lado dos cidadáns”.

“Non é normal que dous anos despois Galicia siga sen un mapa de emerxencias e zonas inundables, que haxa pobos sen acceso rodado porque máis dunha ducia de pontes están destruídas ou moi danadas, que haxa continuas inundacións e que os alcaldes non teñan un xeito de canalizar as súas necesidades e teñan que chamar por teléfono para pedir axuda”.

O líder socialista acusou a Feijóo de “desaparecer” unha vez máis ante os problemas e fixo alusión á súa última viaxe, este nadal. “É legal que un presidente vaia de vacacións pero non é normal que Galicia estea sen presidente 10 días, que ninguén saiba oficialmente onde está e sen que o Diario Oficial de Galicia recolla quen é o presidente de Galicia neses días ou si Feijóo está dirixindo o país dende Brasil ou dende outra parte do planeta”.

“Dereito a vacacións, todas, pero Galicia non pode estar dez días sen presidente, con milleiros de persoas no paro, con comarcas inundadas, con problemas de coordenación de emerxencias, e cun pacto de silencio onde ninguén pregunta nin responde onde está o presidente”, sinalou, e preguntouse “que pasaría se Zapatero fixese o mesmo”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar