Varela reclama derrogar os artigos da Reforma Laboral que inciden en desequilibrar a negociación colectiva en favor das empresas e actualizar o Salario Mínimo Interprofesional

Varela reclama derrogar os artigos da Reforma Laboral que inciden en desequilibrar a negociación colectiva en favor das empresas e actualizar o Salario Mínimo Interprofesional

Varela reclama derrogar os artigos da Reforma Laboral que inciden en desequilibrar a negociación colectiva en favor das empresas e actualizar o Salario Mínimo Interprofesional

Varela, Secretario na Comisión de Emprego, subliña que entre 2011 e 2013 se destruíron 1,4 millóns de empregos e acusa á Ministra Báñez de "destruír o modelo de relacións laborais" no noso país

O senador do PSOE por Lugo pide ao Goberno que aclare onde está o límite da política de depreciación salarial

A través desta moción, tamén se solicita que se elimine a prolongación da xornada laboral nos contratos a tempo parcial e que se incremente o control da duración da xornada en todos os empregos

O senador por Lugo e Secretario na Comisión de Emprego, Ricardo Varela, defenderá unha moción na sesión plenaria da Cámara Alta do próximo mércores, día 26, na que reclamará o Goberno, entre outros medidas, que derrogue os artigos da Reforma Laboral que inciden en desequilibrar a negociación colectiva en favor das empresas e que actualice o Salario Mínimo Interprofesional de acordo coa Carta Social Europea.

Neste sentido, Varela subliña que, en primeiro lugar, se solicitará ao Executivo do PP promover a derrogación dos artigos 12, 13, 14 e 18 da Reforma Laboral para volver á súa redacción anterior. É preciso puntualizar que o artigo 12 modifica, de xeito substancial, as condicións individuais de traballo que posibilita a modificación unilateral por parte do empresario da contía salarial.

Ademais, o artigo 13 permite a suspensión do contrato ou redución da xornada por causas económicas, técnicas, organizativa ou de produción que permite a aprobación dos EREs por parte do empresario. Por último, o artigo 14 modifica a negociación colectiva e os convenios de empresa e o artigo 18 favorece os despedimentos colectivos.

A moción socialista tamén propón eliminar a prolongación da xornada laboral nos contratos a tempo parcial máis alá do previsto no pacto de horas complementarias, posto que coa regulación actual se fai imposible o control deste tipo de contratos o que permite a realización de horas máis alá do regulado e, en boa medida, non pagadas.

Finalmente, establece reclamar ao Goberno que incremente o control da duración da xornada en todos os empregos, dado que se produciu un aumento das horas non pagadas e actualizar o Salario Mínimo Interprofesional de acordo cos criterios fixados pola Carta Social Europea.

Na exposición de motivos da iniciativa socialista, Ricardo Varela subliña que, despois de dous anos de Goberno do Partido Popular, o paro se incrementou nun millón máis de persoas malia que o Executivo pretenda convencer os cidadáns de que os novos datos do paro son unha das claves do éxito da política económica do Goberno.

Varela apunta que a Reforma Laboral provocou dous graves efectos perversos no mercado de traballo. En primeiro lugar, foi responsable da maior perda de emprego asalariado que se produciu nun bienio (2011-2013) con 1,4 millóns de empregos e produciu a maior caída do emprego estable cunha destrución de 777.2000 traballos.

Ademais, a Reforma Laboral rompeu o equilibrio na negociación colectiva favorecendo a posición das patronais, o que supuxo a maior perda de capacidade adquisitiva dos asalariados que se produciu nunca. "Esta perda salarial, matiza, ocasiona unha restrición do consumo interno que imposibilita unha saída de crise".

O senador galego critica que a Ministra Fátima Báñez esnaquice o modelo de relacións laborais, xere brutais desequilibrios no proceso negociador e permítase, ademais, pedir ás grandes compañías "sensibilidade e flexibilidade" á hora de aplicar a Reforma Laboral "para evitar despedimentos". "O certo é que as empresas non fixeron outra cousa que o que o Goberno lles facilitou: despedir e rebaixar salarios", engade o parlamentario socialista.

Ricardo Varela afirma que unha vez que o Goberno defende o axuste salarial e conxuntural, recoñece que este axuste formaba parte dos seus obxectivos da reforma Laboral. Neste punto, pregúntase "de que instrumentos pensa dotarse para que o axuste salarial, que cualifica de conxuntural, non se converta en estrutural" e "onde está o límite da política de depreciación, que por non poder ser monetaria nun marco de moeda única, se cifrou en exclusiva nas rendas salariais,".

Varela fai fincapé nos desequilibrios que provocou a Reforma Laboral e sostén que nos últimos tempos as rendas salariais caeron en 44.000 millóns de euros, ao tempo que os excedentes empresariais creceron en 18.000 millóns de euros e mostra a súa preocupación polo incremento das horas extraordinarias e, de xeito especial, das non cobradas.

O senador lamenta que "o noso modelo económico para a saída da crise é o do desequilibrio na repartición da riqueza do país, a diferenza do que se fai noutros países do noso ámbito tamén gobernados pola dereita. Isto revela que a nosa dereita é unha dereita radical e inxusta que fai que a carga da crise sexa soportada por aqueles que están na súa orixe".

Ricardo Varela conclúe lamentando que o Goberno adopta as decisións referidas aos recortes e as restricións dos dereitos con moita "discreción" e sen dar explicacións e, neste sentido, pon como exemplo a conxelación para 2014 do Salario Mínimo Interprofesional.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar