Varela denuncia que o director xeral da TVG é “campión da ocultación”

Varela denuncia que o director xeral da TVG é “campión da ocultación”

Varela denuncia que o director xeral da TVG é “campión da ocultación”

O portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia na Comisión da CRTVG, Ricardo Varela, denunciou que o director xeral da TVG é “campión da ocultación” xa que informa menos sobre a Operación Campión que sobre as denuncias que ten formulado o PP. Así o dixo na comparecencia do director xeral do ente en Comisión para presentar o informe de xestión anual da TVG.

Acusou ao responsable do ente de perpetrar “o maior ataque á pluralidade” coa cobertura da Operación Campión, con dous altos cargos da Xunta detidos nun proceso xudicial. Dixo que Sánchez Izquierdo é “o campión da ocultación da información do PP e do Goberno de Galicia” ao dedicar menos tempo a este proceso xudicial que ao acoso do PP sobre Unións Agrarias, ou á residencia do líder do PSdeG-PSOE.

Os informativos da TVG seguen neste caso o mesmo criterio que no caso Construcuatro, no que obviaron a implicación do candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Telmo Martín, ao igual que hoxe “ocultan a implicación do conselleiro e do presidente da Xunta” cos altos cargos imputados “no maior escándalo administrativo” da Xunta de Galicia. Mentres, lembrou, persisten en transmitir información do PSdeG-PSOE “sempre en negativo”.

Advertiu que a TVG “non é pública pero é pagada con diñeiro público” xa que xestiona 114 millóns de euros anuais destinados a un “comportamento partidario que anula completamente a súa pluralidade”. Dixo que se trata dunha televisión “moi cara” por canto incumpre os obxectivos de ofrecer pluralidade, un enfoque xeneralista e aberto e a promoción e difusión da lingua.

Dixo que hoxe a TVG “é cada vez menos dos galegos e mais do PP e do Goberno de Galicia”, como evidencia que “cada vez sexa menos seguida polos galegos” e que responda “cada vez menos aos intereses dos galegos e das galegas”. Así sinalou como exemplo que a noite electoral do 22 de maio acadou unha cota de pantalla do 37 por cento, cinco puntos menos que o 43 por cento acadado nas eleccións municipais de 2007.

Ingresos publicitarios

O responsable socialista preguntou ao responsable do ente polo déficit de ingresos publicitarios de 800.000€ rexistrados no exercicio de 2010 -232.000 de TVG e 568.000 da RTVG- mentres a desaparición da publicidade en TVE non supuxo un incremento nos ingresos comerciais da TVG. Ademais, lembrou que “perderon no total e no prime time dous puntos de cota de pantalla con relación a 2009”.

O responsable socialista fixo un balance negativo da xestión do ente no exercicio 2010, no que se levou a cabo un incremento de persoal acadando unha “plantilla máis cara e máis conflitiva”. Dixo que “levaron moi inadecuadamente o proceso de consolidación da plantilla”, presentando unha OPE “máis cativa do previsto pola teima de que o tribunal non tivera garantías”.

Visita do Papa

Ricardo Varela criticou tamén a xestión da visita do Papa por parte da CRTVG, xa que “non se aproveitou para divulgar a imaxe de Santiago e de Galicia”. Neste sentido, lembrou que a situación do pontífice “impedía a visión da Catedral”, ao contrario que na súa visita á Sagrada Familia de Barcelona.

Ademais, lamentou que desaproveitaran a celebración do Xacobeo para trasladar a imaxe de Galicia fora das nosas fronteiras, mentres eluden explicar “qué pasou cos 2 millóns de euros comprometidos pola Consellería de Cultura e que nunca apareceron”.

Engadiu que, sobre a xestión do ente, o actual director xeral ten paralizado o plan de dixitalización da CRTVG logo de reducir o seu orzamento nun 47 por cento, mentres reducen o orzamento destinado á produción audiovisual galega, incumprindo o compromiso legal de destinar o 6 por cento do orzamento do ente a estas producións.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar