Varela denuncia que a TVG converteuse no gabinete de campaña do PPdeG

Varela denuncia que a TVG converteuse no gabinete de campaña do PPdeG

Varela denuncia que a TVG converteuse no gabinete de campaña do PPdeG

O portavoz socialista na comisión da CRTVG, Ricardo Varela, denunciou que “a TVG converteuse no gabinete de campaña do PP, censurando aquilo que non lles convén, como foron as protestas das mariscadoras ou as palabras de José Blanco, sobre os atrancos do AVE”.

Neste senso, lembrou que “en menos de dous anos, a nova dirección da TVG conseguiu situar á televisión pública ó nivel dos tempos máis escuros do fraguismo, cando se ocultaba, sen ningún pudor os incendios forestais, acontecementos como o Prestige ou o soterramento masivo de vacas tolas”.

“A TVG parece terse marcado como obxectivo principal que non pase un día sen censura, ou sen ocultar e manipular as informacións que poidan danar ao PP”, subliñou.

Nesta liña, Varela lembrou que “o 9 de marzo, os informativos da Galega ocultaron calquera referencia á moción socialista no Parlamento galego para restituír a axuda de 557 euros ás mariscadoras sen pensión”. “Nos telexornais tampouco se puido ver a concentración de medio cento de mariscadoras ás portas do Parlamento de Galicia, protestando contra a Xunta pola retirada desta axuda”, denunciou.

O responsable socialistas sinalou que “a TVG censurou esta protesta sen ningún pudor, pero deu unha ampla cobertura á concentración fronte a Delegación do Goberno dos afectados polo posible remate da campaña da xarda”. “Neste caso, como a protesta era contra o ministerio de Pesca, a TVG fixo un amplo despregue: dedicou un vídeo de 1 minuto e 35 segundos e desprazou un xornalista para completa-la información con unha conexión en directo”, apuntou Varela.

O portavoz do socialista na comisión da CRTVG salientou que “o tratamento dado a estas dúas informacións evidencia que a TVG está exclusivamente ó servizo do PP, e que incumpre cada día a lei que obriga ós medios públicos a actuar con pluralidade e neutralidade”. Parecen actuar cunha única máxima “que a realidade nunca impida unha crítica contra o PSOE ou unha loubanza ó PP”.

A polémica misa de Poio e da polémica do AVE

O deputado socialistas aseverou que “baixo esta premisa, se entende que a TVG ocultase calquera información referente á polémica misa, celebrada o 6 de marzo en Poio, nunha igrexa adornada con cartelería do Partido Popular. Nos telexornais non so ofreceu información sobre a cerimonia político-relixiosa nin se deu conta da investigación aberta polas autoridades eclesiásticas para aclarar este suceso, un feito que, explica Ricardo Varela “chama a atención dado o fervor católico que se ven apreciando nos últimos tempos nos informativos da galega”.

“Outra mostra do proceder antidemocrática da dirección da TVG produciuse a raíz da denuncia do ministro de Fomento no Senado de que a Xunta, instigada polo PP de Baltar, estaba poñendo atrancos ó proxecto do AVE ó seu paso pola cidade de Ourense”, subliñou.

Neste senso, Varela lembrou que “José Blanco explicou que o propio Núñez Feijoo lle confesara eses atrancos e que non podía facer nada por evitalos”. “A Televisión de Galicia foi o único medio de comunicación galego no que non foi noticia esa frase do ministro, unhas palabras que destacaron amplamente as emisoras de radio, xornais e televisións”, destacou.

O deputado socialista explicou que neste caso do AVE produciuse ademais outra “aberración xornalística” como foi censurar esa denuncia do ministro de Fomento e, sen embargo, facerse eco do comunicado emitido pola Xunta para criticar a José Blanco polo que acababa de dicir no Senado sobre o AVE a Galicia.

Os socialistas galegos denuncian que a TVG e a Radio Galega se converteron no gabinete de campaña do PPdeG e pedirán ó director xeral da CRTVG explicacións no parlamento sobre estes casos de censura e manipulación.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar