Urxente reforma do sistema de financiamento

Urxente reforma do sistema de financiamento

Urxente reforma do sistema de financiamento

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, reclamoulle hoxe ao goberno galego a negociar un novo modelo de financiamento autonómico que palíe as “alarmantes” perdas de ingresos procedentes do Estado. O deputado socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Economía do Parlamento diante do desleixo do goberno galego na defensa dos intereses dos galegos e das galegas.

González Santín sinalou que o modelo actual, que tiña que ser reformado en 2014, supuxo unha perda de ingresos procedentes do Estado estimados en 1.300 millóns de euros anuais durante os últimos sete exercicios, superando os 8.000 millóns en total. Sinalou que a caída de ingresos, unido á obsesión polo déficit cero de Feijóo, producen “uns cidadáns máis pobres, máis desigualdade e servizos públicos de peor calidade”.

Puntualizou que “o que recibimos do Estado non cubre as necesidades dunha poboación moi envellecida que demanda máis servizos públicos e unha alta dispersión poboacional, o que encarece os ditos servizos públicos. Esta situación deixa como única saída aumentar o financiamento procedente do sistema estatal e aumentar os ingresos propios para evitar reducir o gasto público.

O deputado socialista criticou o desleixo demostrado polo goberno galego á hora de defender os intereses dos galegos e das galegas, que en lugar de recibir un incremento previsto do 13 por cento dos ingresos na anterior modificación do sistema de reparto fixou en apenas un 3,3 por cento.

Discriminación positiva

González Santín reclamou unha “discriminación positiva” para Galicia por dispor dunha sociedade máis envellecida e dispersa que o resto do Estado, e polo tanto ten que afrontar uns maiores custes na prestación de servizos públicos. Sinalou que o obxectivo debe ser acadar un incremento do 33 por cento nas transmisións finalistas procedentes do Estado no modelo para o próximo quinquenio.

Advertiu que “non se trata dunha subhasta, senón de prestar os servizos públicos da mellor forma posible, con eficiencia e equidade, e para iso hai que ter ingresos” que forman parte precisamente dunha caixa común pola que tamén compiten o resto das comunidades autónomas.

Reclamoulle ao goberno galego “baixar á terra” e que expoña publicamente diante do Parlamento “o que queremos e o que pedimos” para coñecer e acordar unha posición común no proceso de negociación.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar