Uns orzamentos económica e socialmente inaceptables

Uns orzamentos económica e socialmente inaceptables

Uns orzamentos económica e socialmente inaceptables

A portavoz de Economía o Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, cualificou hoxe os orzamentos da Xunta para 2017 de “inaceptables económica e socialmente”, e desmentiu o “crecemento san” que promociona o goberno galego porque “non está pensado para a maioría dos galegos e galegas”. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Facenda, que presentou hoxe en Comisión as contas para o próximo ano.

A responsable socialista anunciou a emenda á totalidade contra uns orzamentos que non están “adaptados á realidade social e económica dos homes e mulleres que vivimos no país” e dos centos de milleiros que “padeceron os efectos máis devastadores da crise” e a “obsesión de Feijóo e do PP de cadrar o déficit a calquera prezo”.

A conclusión desta etapa, dixo, é “máis desemprego, pobreza e precariedade laboral, unha clase traballadora empobrecida, a emigración de centos de milleiros de mozos e mozas, familias condenadas á exclusión social e desigualdade social e económica”.

Lamentou a falla de políticas dirixidas a remontar a crise demográfica agás axudas irrisorias como a reducida caixa finlandesa para Galicia e 100 euros ao mes durante un ano. En lugar de incidir nas políticas de emprego, a creación de bolsas pra I+D+i, políticas de vivenda, políticas de conciliación, reducir o pago de comedores escolares e recuperar os libros de texto gratuítos.

Criticou que en lugar de recuperar o emprego, impulsar a economía e restaurar os servizos públicos, deixen sen executar unha porcentaxe importante das políticas activas de emprego e dos dondos destinados ao IGAPE.

Criticou así uns orzamentos “precipitados, escasamente ambiciosos e tecnicamente febles, carentes de coherencia interna e profundamente continuistas”, e preguntou “a qué van destinar os 60 millóns adicionais de incremento en 0,1 do déficit”.

Rectificou os datos dados polo Executivo, no referente ao mercado laboral, no que falan dun crecemento san de xaneiro 2009 a novembro 2016 de 13.000 parados menos, cando a realidade e que hai 110.000 ocupados menos.

Advertiu ademais que a baixada de impostos que anuncia o goberno galego en realidade “só leva a sociedades máis empobrecidas e desiguais” ao renunciar a un IRPF e a unhas figuras impositivas máis distributivas, que centren a carga sobre as grandes fortunas para garantir mellores servizos para quen menos ten.

Recuperación salarial

Rodríguez Rumbo fixo mención aparte da recuperación salarial do funcionariado que anunciou o goberno galego, cando en realidade “non recuperan o poder adquisitivo, as extras nin os trienios íntegros”.

Quen si recupera o seu poder adquisitivo, dixo, son o presidente da Xunta e os altos cargos do goberno galego, que se premian cunha suba de entre o 7 e o 7,5 por cento do seu salario. Criticou esta decisión mentres “predican moderación salarial na negociación colectiva para un país que ten o terceiro salario máis baixo do Estado, rexistra taxas de paro elevadas e hai 34.800 familias sen ingresos”.

Presidencia

O portavoz de Administración Autonómica do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, criticou hoxe a “opacidade, gasto excesivo e sobredimensionado e inflación de cargos e órganos” na secretaría xeral de Presidencia. Así o dixo na comparecencia do titular do departamento na Comisión de Orzamentos do Parlamento que debate as contas do próximo ano 2017.

Criticou a “opacidade na información sobre o gasto en persoal eventual e de confianza”, ao agochar o número de altos cargos contratados “nin a súa categoría nin responsabilidades”, mais alá do custe total de 2 millóns de euros en persoal de confianza ao servizo directo do presidente da Xunta “sen ningún tipo de explicación”.

Explicou que “todo o que sabemos é que 867.368 euros corresponden a persoal de Presidencia e 502.105 a Medios” dentro da secretaría xeral, ademais de outros 463.052 destinados a retribucións de altos cargos. Advertiu así dunha “escandalosa falta de transparencia no máximo nivel de dirección política da Comunidade”.

Díaz Villoslada advertiu así que esta partida “recolle unha suba salarial absolutamente inapropiada” de entre un 7 e un 7,5 por cento nos salarios do presidente da Xunta e todo o cartel de altos cargos. Lamentou así o “premio” que se conceden o presidente e os altos cargos ao tempo que predican contención salarial na negociación colectiva e cando a taxa de paro de Galicia atópase nun punto extremadamente elevado.

Os socialistas galegos reclamaron unha “simplificación da estrutura de órganos directivos dependentes da Presidencia” que, “ademais de reducir custos innecesarios, axudaría a conformar equipos agregados máis eficientes e profesionalizados”. Reclamou ademais “máxima transparencia e concorrencia competitiva” na política de medios do goberno galego, que prevé máis de 2,6 millóns de euros a medios de comunicación sen explicar.

Emigración

O parlamentario socialista sinalou especialmente a desatención á emigración galega por parte do goberno galego, que se ve abandonada diante do conflito aberto pola Axencia Tributaria “esixindo a regularización retroactiva no IRPF” das pensións cobradas nos países aos que emigraron, os recortes de dereitos de asistencia sanitaria, problemas de acceso a residencias ou a falla de pensión aos retornados de Venezuela.

Lamentou tamén que a secretaría xeral para o Deporte sexa o único departamento de Presidencia que perde orzamentos, con 400.000 euros menos que no ano 2016. Reclamou finalmente a máxima transparencia nas licitacións e subvencións concedidas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia –Amtega-, que afrontará a integración do Cixtec na súa estrutura, un proceso aínda sen explicar.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar