Uns orzamentos continuístas, irreais e insuficientes

Uns orzamentos continuístas, irreais e insuficientes

Uns orzamentos continuístas, irreais e insuficientes

Juan Carlos González SantínO portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, cualificou hoxe os orzamentos da Xunta de “continuístas” e acredores dunha suba “máis que insuficiente”. No debate de totalidade dos orzamentos os socialistas propuxeron mobilizar 650 millóns de euros, o 7,5 por cento do orzamento, para priorizar o emprego, sanidade, educación e políticas sociais.

González Santín advertiu que o orzamento do goberno galego foi concibido “cunha única perspectiva electoral”, ofrecendo unhas contas “irreais” que anuncian ao mesmo tempo un aumento do gasto e unha redución dos ingresos. Augurou que “a única forma de cadrar as contas vai ser incumprindo o déficit ou non executando as partidas” que teñen presentado.

Os socialistas galegos propuxeron aumentar en 300 millóns de euros os ingresos previstos aumentando o IRPF para as rendas altas para incorporar maior progresividade, aumentando os impostos aos depósitos bancarios, creando novas figuras impositivas para grandes superficies comerciais ou ao medio ambiente e mellorando a capacidade recadatoria. Ademais, propón acadar 350 millóns de euros reducindo os gastos improdutivos.

González Santín explicou que o obxectivo da reubicación destes orzamentos será destinar 195 millóns de euros a un Plan de Emprego que beneficiaría a 40.000 galegos e galegas nos próximos dous anos. Ademais, as emendas socialistas inclúen o impulso ao crecemento económico, o incremento do investimento en I+D e o apoio aos sectores empresariais fundamentais para a economía galega e aqueles en serias dificultades.

O segundo eixo das emendas socialistas pasa polo incremento do esforzo dirixido ás políticas sociais cun incremento de 190 millóns de euros, priorizando a recuperación dos niveis de calidade e de recursos humanos e materiais da sanidade pública, ademais de comezar coa recuperación do Hospital privado de Vigo para o sector público.

O ensino público recibiría 50 millóns de euros para garantir bolsas de estudo, a supresión do copago de comedores, a recuperación do sistema de préstamo de libros de texto e o impulso dos programas de prevención do fracaso escolar, linguas estranxeiras e reposición de materiais informáticos. As achegas ao Sistema Universitario de Galicia e as bolsas para alumnado suporían un incremento orzamentario de 6 millóns de euros.

Acusou tamén ao goberno galego de asfixiar as partidas destinadas ao cuarto piar do Estado do Benestar ata o punto de que con Feijóo teñen falecido 9.000 persoas coa prestación recoñecida pero sen recibila. Tamén inclúen unha liña de axudas contra a pobreza enerxética e a recuperación da política de vivenda.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar