Unha Sanidade deseñada a base de Excel e Google Maps

Unha Sanidade deseñada a base de Excel e Google Maps

Unha Sanidade deseñada a base de Excel e Google Maps

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Consellería de Sanidade de planificar a distribución dos centros de saúde “en base a follas de Excel e Google Maps”. Na comparecencia do conselleiro no Pleno de hoxe, Torrado exemplificou así a dislocación entre os “deseños” do goberno e a realidade das necesidades da poboación.

Criticou que o Goberno galego non atenda ás condicións especiais de avellentamento, dispersión e dificultades de comunicación á hora de priorizar a situación dos centros de saúde. Reclamou así un deseño “en función da realidade específica, non en función dos papeis”.

Ademais, lembrou os problemas de construción que o goberno acumula “durante anos e anos, unha convocatoria electoral tras outra”, en casos que chegan a ser graves como, citou, os de Santa Lucía –A Coruña-, Ames, Vilagarcía ou Cangas. Advertiu en ton irónico a “curiosidade” de que os ditos casos coincidan con concellos que non son gobernados polo PP.

O responsable socialista sinalou tamén os problemas de persoal que, dixo, “trátase dun problema de cantidade, non de calidade” duns profesionais sometidos a ratios “baseadas nunha situación ideal que non ten en conta as vacacións, baixas ou ausencias que saturan aos compañeiros”. Advertiu que “hoxe mesmo hai médicos con máis de 50 persoas en axenda”, o que resulta “imposible de xestionar”.

Torrado apuntou a carencia de médicos de Pediatría, que a día de hoxe non tivo ningunha resposta ou iniciativa por parte do goberno galego. O parlamentario socialista propuxo neste sentido ampliar a oferta de MIR, facéndoa máis atractiva, asegurara e estabilidade laboral destes profesionais ou incentivalos con primas.

OPE extraordinaria

Lembrou ademais as propostas socialistas de cara a mellorar a Atención Primaria, que pasan pola iniciativa socialista aprobada por unanimidade no Parlamento para convocar unha Oferta Pública de Emprego extraordinaria con 1.600 novos médicos. A día de hoxe, lembrou, o goberno galego retoma a “chantaxe” de condicionar esta iniciativa á aprobación dos Orzamentos do Estado.

Tamén foi persentada unha proposta socialista, lembrou, para impulsar a incorporación de medicamentos innovadores para enfermidades crónicas e ampliar a posibilidade de probas diagnósticas para os profesionais da Atención Primaria.

Montecelo

O portavoz de Sanidade instou a “ampliar servizos ademais de ladrillos” no Hospital Montecelo, garantindo “mellor calidade” dentro do carácter público. Así o dixo no debate da toma en consideración da Iniciativa Lexislativa Popular para a ampliación do centro, que foi rexeitada polo PP.

O responsable socialista alertou dos “temores bastante fundados” sobre a xestión da sanidade por parte do PP en base aos antecedentes do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde “nos atopamos cun centro máis pequeno e con menos servizos do que estaba previsto, pero polo que pagamos máis do que inicialmente estaba previsto”.

Por iso, demandou “maior número de servizos e mellor calidade, non sexa que vaiamos ter un Hospital máis grande para ter os mesmos problemas que agora”, e instou a “non absorber servizos do resto da área sanitaria”. Neste sentido, alertou fronte á tentación de “meter no mesmo contedor o que está agora distribuído –polos centros da área sanitaria- o que resulta ineficiente e ofrece unha atención sanitaria de peor calidade”.

Parabéns

Torrado ironizou ofrecéndolle “parabéns” ao PP por ter cesado ao anterior xerente da Área Sanitaria de Pontevedra, o que “non repara todo o mal que fixo, pero ofrece un aire de reposición”. Ademais, lembrou a súa “rectificación” ao pasar a defender a ampliación do Hospital de Montecelo, en lugar do seu proxecto de crear un Hospital en Monte Carrasco de carácter privado.

Neste sentido, instou a “non baixar a garda na defensa do público”, e reclamou que os servizos que albergue o futuro centro sexan públicos, porque “non cabería en ningunha cabeza ofrecer unha instalación sanitaria pública para un servizo sanitario privado que faga negocio a costa do financiamento público”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar