Unha nova Lei de Acción Exterior da Xunta

Unha nova Lei de Acción Exterior da Xunta

O portavoz de Política Exterior do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, chamou hoxe a acadar “consenso” para regular a acción exterior da Xunta a través dunha Lei. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Relacións Exteriores en Comisión parlamentaria para informar sobre as viaxes internacionais do Goberno galego.

O responsable socialista advertiu que a acción exterior está regulada actualmente por unha norma con rango de decreto 178/2015 e instou ao goberno galego a buscar “o consenso e o apoio político” para acordala a través dunha Lei “co máximo nivel das capacidades lexislativas de Galicia”.

Díaz Villoslada reclamou ademais a presenza en persoa do presidente da Xunta e diante do Pleno do Parlamento para dar conta dos obxectivos e resultados das súas viaxes ao exterior. Criticou que o director xeral se teña limitado a facer un relatorio das viaxes que corresponden ao final de cada período de sesións “sen ofrecer as estratexias que dirixen a actividade exterior do Goberno galego”.

Así, advertiu que o presidente da Xunta non deu conta das súas visitas a países como Uruguai ou Cuba no semestre anterior, cando poderían ter importantes repercusións sobre a participación da Xunta no plan de infraestruturas no primeiro caso ou a colaboración en biotecnoloxía eólica, biomasa, agroalimentación ou audiovisual no caso da illa caribeña.

Sinalou tamén a posible relevancia das viaxes do vicepresidente a Cabo Verde ou México, onde “tratáronse temas importantes relacionados coa pesca, o turismo ou o medio ambiente”, sen que o goberno galego teña explicado nada a día de hoxe.

Post Brexit

Lembrou o silencio do goberno galego diante das repercusións que poida ter “a situación post brexit” para a economía galega, máxime cando as expectativas económicas do goberno galego descansan en boa medida sobre a exportación e a internacionalización de empresas. Tampouco ofreceron ningún dato sobre o impacto das negociacións en materia de lácteo ou pesca na UE.

Os socialistas galegos reivindicaron unha explicación da política galega en materia de acción humanitaria, nomeadamente no que ten que ver coa acollida de refuxiados, así como da súa estratexia en materia de emigración. Ademais, propuxo iniciar unha estratexia de internacionalización de grupos de investigación e transferencia de coñecementos a través da Axencia Galega da Innovación.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar