Unha Lei galega garantirá as pensións en todo o Estado

Unha Lei galega garantirá as pensións en todo o Estado

Unha Lei galega garantirá as pensións en todo o Estado

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, comprometeuse hoxe a presentar dende o Parlamento de Galicia unha Lei galega que garantirá o sistema de pensións de todo o Estado. Así o dixo nun xantar celebrado hoxe no Fimo de Ferrol, ao que tamén asistiu o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez.

O candidato socialista dixo que a Cámara autonómica “pode ter a iniciativa política a través dun proxecto lexislativo que será discutido no Congreso dos Deputados para garantir o sistema de pensións para o futuro para toda España”. Comprometeuse así a “garantir por Lei a sustentabilidade do sistema de pensións”, que suma á proposta recente de suprimir o copago sanitario a 650.000 pensionistas galegos.

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, fixo esta proposta na súa intervención na cidade departamental, onde anunciou un novo Plan Ferrol que supere o desleixo ao que Feijóo ten sometida á comarca e garanta a revitalización dunha das comarcas máis castigadas pola crise.

O candidato socialista ofreceu “unha folla de ruta con solucións e alternativas” para unha comarca que ten acadado o 32 por cento de desemprego e un sector, o naval, que en catro anos perdeu 4.000 empregos e o 90 por cento da empresa auxiliar. Lembrou que Feijóo pasou de atopar 80 buques nos estaleiros galegos en 2009 a “vender agora contratos anecdóticos coma se foran a gran solución para o sector”.

Salientou a “urxente necesidade” de reformular o Plan Ferrol, que pasou de apoiar 286 proxectos de ampliación ou creación de empresas, 551 millóns de investimentos e 1.200 postos de traballo entre 2005 e 2001 a “absolutamente nada”. Explicou que o endurecemento das condicións de crédito e de axudas imposto por Rajoy e Feijóo dende 2009 fixo que no último ano, dos apenas 44 millóns previstos se investiran apenas 800.000 euros e só se financiar “un único proxecto”.

Ademáis, apostou por axilizar a colaboración entre a industria naval e o campus de Ferrol, para que sexa a Universidade pública a que impulse e centralice o I+D+i que precisa o sector. Leiceaga sinalou a importancia fundamental do Centro de Innovación e Servizos –CIS- de Ferrol, así como de crear unidades de traballo entre a empresa e a Politécnica.

Chamou a “eliminar a barreira entre a Universidade e o mercado de traballo, así como o problema da falla de recursos que provocaron a redución do 27 por cento dos orzamentos para I+D+i grazas ao apoio de Feijóo –ironizou-, que levou aos grupos de investigación ao seu fin por inanición”.

Fernández Leiceaga interveu hoxe nun xantar – mitin celebrado no Fimo de Ferrol, acompañado polo secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e no que tamén interviñeron a tenente de alcalde do Concello, a socialista Beatriz Sestayo, e o candidato nº5 pola provincia de A Coruña, José Manuel Pérez Seco, quen centrou a súa atención nos problemas locais provocados polo desleixo do goberno galego.

Así, sinalou que tanto as declaracións de Áreas de Rehabilitación Integral de Ferrol Vello e Recimil tiveron que ser impulsados polo goberno local diante do desinterese amosado polo PP. Feijóo, dixo, “nunca se preocupou por impulsar un novo convenio para a rehabilitación e a recuperación de espazos públicos”, mais ben ao contrario, xa que “paralizou completamente” tódalas actuacións do goberno autonómico.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar