Unha Lei do Solo con data de caducidade

Unha Lei do Solo con data de caducidade

VivendaO responsable da Área de Territorio do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, asumiu hoxe o “compromiso solemne” de “derrogar e substituír con carácter inmediato e prioritario” a Lei do Solo de Galicia, aprobada hoxe en solitario polo PP. Sánchez Bugallo sinalou que a modificación terá lugar “cando teñamos responsabilidades de goberno”.

O responsable socialista apuntou que a Lei supón unha “versión recortada, devaluada e empobrecida” da actual, e que retrotrae a regulación urbanística “20 anos atrás”, cun texto peor que calquera dos tres anteriores de 1985, 1997 e 2002. Considera “falso” que a Lei pretenda o consenso, garanta estabilidade, que tódolos concellos teñan Plan Xeral nin protección do solo rural, en contra do que promete a Xunta.

Sánchez Bugallo acusou ao goberno galego de perseguir o “único obxectivo de permitir legalizar actuacións xurdidas nos últimos anos”, e ironizou con que veñan recoñecer, logo de 35 anos, “que aquí prevalece o ti vai facendo”. Aludiu así a unha recente entrevista de Beatriz Mato na que anunciaba o fin das desfeitas urbanísticas eximíndose de toda responsabilidade obviando que o PP gobernara 29 dos 35 anos de autonomía e a maioría dos concellos.

O portavoz socialista negou que a Xunta buscara consenso dende o punto que logo de tardar 5 anos en elaborar o borrador, tardaron dous anos máis en convertelo nunha Lei e, logo de sete anos de trámite, só deixan 3 meses, incluíndo o mes de Nadal, para o trámite parlamentario.

PXOM de Vigo

A norma tampouco persegue a estabilidade por canto, engadiu, vai acadar o récord cuestionable de ser a primeira norma modificada antes da súa entrada en vigor para resolver o problema plantexado pola anulación do PXOM de Vigo, unha cuestión que nin se tería plantexado con calquera das tres normas anteriores.

Tódalas normas previas incluíron excepcións por actuacións supramunicipais, algo que a norma aprobada hoxe non incorpora demostrando unha sospeitosa improvisación logo de 7 anos de trámite. Explicou que o Plan Xeral de Vigo foi formulado a proposta de Pérez Castrillo –BNG-, foi tramitado por Corina Porro –PPdeG- para aparecer como responsable Abel Caballero –PSdeG- cando “o único cambio que introduciu foi incorporar un 30 por cento de solo para VPO”.

O deputado socialista acusou ao goberno galego de incumprir o seu compromiso de habilitar aos concellos para presentar Plans Básicos, unha competencia que agora recaerá no goberno galego. Preguntoulles “para qué queren anular unha competencia urbanística dos concellos se non teñen capacidade de desenvolvela?”.

Lembrou que o goberno que recaba para si a competencia de elaborar e aprobar os plans básicos municipais dos 200 concellos menores de 5.000 habitantes é o mesmo que “a día de hoxe aínda non foi quén de aprobar un só Plan Territorial Integrado dos previstos para o desenvolvemento das Directrices de Ordenación do Territorio”.

Solo protexido

A nova norma tamén fracasa na protección do medio rural ao acotar e reducir radicalmente a protección do solo rústico de protección agropecuaria, reducíndoo ao que figure nun catálogo que non existe ou a ser obxecto de concentración parcelaria aprobada por resolución firme, o que afecta a 750 parroquias dun total de 3.778, deixando 3.028 sen un só metro cadrado de solo protexido.

O mesmo sucede, sinalou, co solo de protección forestal, que deberá figurar de novo nun catálogo que “non existe” ou ser monte en man común. Desta forma, con esta norma “quedan moitos concellos en Galicia sen ningunha zona forestal realmente protexida”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar