Unanimidade, posicións claras e estudo de posibilidades legais para desbloquear a transferencia da AP-9

Unanimidade, posicións claras e estudo de posibilidades legais para desbloquear a transferencia da AP-9

Unanimidade, posicións claras e estudo de posibilidades legais para desbloquear a transferencia da AP-9

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reivindicou hoxe “unha proposta unánime” do Parlamento, posicións “claras” e a exploración de “posibilidades legais” para conseguir a transferencia da AP-9. Logo da Xunta de Portavoces da Cámara, o responsable socialista confirmou que centrará a próxima sesión de control ao presidente no veto a esta petición na Mesa do Congreso.

Fernández Leiceaga esíxelle ao presidente da Xunta “que se poña á fronte en vez de actuar como responsable do PP en Galicia e darlle o aval a Rajoy e Ana Pastor para impedir que se tramite” no Congreso esta petición aprobada por unanimidade na Cámara autonómica. Solicitou así que os letrados da Cámara sinalen as posibilidades legais para que a Cámara ou os deputados recorran ao Tribunal Constitucional sobre este tema.

O responsable socialista fixo así un chamamento a conseguir “unidade política e non división nin vías unilaterais”, criticando a falla de resposta de PP e BNG á proposta socialista de manter unha xuntanza de traballo dos catro portavoces.

Precisamente amosouse de acordo coa proposta dos nacionalistas de reprobar a Ana Pastor, pero criticou que o fixeran propoñendo unha declaración institucional na Xunta de Portavoces, coa que “déronlle a posibilidade ao PP de vetala”, que foi o que efectivamente sucedeu. Censurou así a teima de presentar “iniciativas singulares que dividen, en vez de sumar”.

O portavoz do Grupo Socialista animou ao resto dos grupos parlamentarios a apoiar a proposición non de Lei que será presentada no próximo Pleno polos socialistas galegos co obxectivo de “abrir a vía xurídica de recuperación do Pazo de Meirás sen custes adicionais”. Presentou a súa propostas de constitución dunha Comisión “equilibrada en orixe”, coa participación de Xunta, Deputación e concellos de A Coruña e Sada.

Esta vía permitiría a presenza de tódalas institucións implicadas no proceso, con presenza ademais de tódolos grupos políticos, para levar adiante un órgano que atenda a razóns técnicas de expertos en dereito e historia para “buscar vías para recuperar este patrimonio”.

CRTVG

O Pleno da próxima semana comezará co debate dunha proposición de Lei do Grupo Socialista dirixida a fixar prazos para o nomeamento do director xeral da CRTVG por maioría cualificada do Parlamento, tal e como fixa a Lei actualmente en vigor e que leva cinco anos sen ser desenvolvida. Reclamou que se cumpra o texto que prevé a aprobación dun estatuto profesional e a constitución do Consello de Redacción e da Autoridade Audiovisual.

Os socialistas tamén levarán unha proposición non de Lei para reivindicar que o goberno galego facilite a participación dos pequenos estudos de arquitectura nos concursos públicos, así como unha interpelación para garantir unha “resposta obxectiva e global” fronte aos danos provocados nos cultivos pola climatoloxía que “non estea sometida á discrecionalidade do goberno”.

Finalmente, presentarán unha moción para reclamar a retirada do anteproxecto de Lei de reforma da Lei de Saúde coa que a Xunta quere “liquidar” as áreas de Salnés, A Mariña, Valdeorras e Monforte. Os socialistas propoñen “comezar de cero” coa participación dos axentes implicados para reforzar os hospitais de área.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar