Un goberno socialista retirará o copago de medicamentos aos pensionistas

Un goberno socialista retirará o copago de medicamentos aos pensionistas

Un goberno socialista retirará o copago de medicamentos aos pensionistas

O presidente do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, dixo hoxe que “si temos a responsabilidade de gobernar Galicia, os socialistas galegos comprometémonos a que os pensionistas galegos non paguen polos medicamentos”. O líder dos socialistas galegos acusou hoxe ao presidente da Xunta de “traizoar” aos galegos ao permitir o copago e “cobrarlle a crise aos eslabóns máis débiles”.

 

O responsable socialista asumiu hoxe o compromiso de goberno de retirarlle o copago aos pensionistas tal e como está a facer, sinalou, un presidente socialista en Euskadi. Díxolle a Feijóo que “en Galicia temos as pensións mais baixas do Estado e os pensionistas pagan polos seus medicamentos, mentres en Euskadi, coas pensións mais altas, non pagan, a diferenza é que en Euskadi hai un presidente socialista e aquí está vostede”.

 

Pachi Vázquez interveu na sesión de control ao presidente do Goberno para acusalo de “traizoar a tódolos galegos” e incumprir o seu compromiso electoral de non implantar o copago. “Mentiron e a partir do próximo domingo vanlle cobrar os medicamentos” aos pensionistas de Galicia, que é a Comunidade Autónoma máis envellecida e coas pensións máis baixas.

 

O líder dos socialistas galegos reprochoulle a Feijóo que “non se atreva” a presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o decreto do copago por invasión de competencias autonómicas, tal e como fixeron Andalucía e Euskadi. Acusouno de “entregar aos pensionistas e enfermos por unha decisión ideolóxica”, xa que teñen demostrado que “hai cartos para a banca e as autopistas pero non para medicamentos”.

 

Augurou que Feijóo “pasará á historia como o presidente que lle cobrou a crise a quen menos responsabilidade tivo nesta crise” e aos “eslabóns máis débiles dos débiles” por “dobrar a rodilla ante Génova e Rajoy”. Esixiulle “valentía” para “deixar de enganar á xente e dicir que vai cobrar polos medicamentos, as próteses e polas ambulancias” e “non veña contando historias que non convencen a ninguén”.

 

Destacou que a decisión de cobrarlle os medicamentos aos xubilados é ideolóxica porque "hai cargos para a banca ou para rescatar autopistas, pero non os hai para medicamentos" e retouno de novo a "cobrarlle un imposto a banca ou aos grandes patrimonios" en vez de cobrarlle aos xubilados, os enfermos ou aos estudantes.

 

Golpe mortal

 

Pachi Vázquez acusou ao PP de ter asestado un “golpe mortal á sanidade pública” ao eliminar 456 medicamentos de uso frecuente en todo o Estado ao tempo que aplican o copago sanitario aos pensionistas galegos. Acusou ao presidente da Xunta de ser “o presidente que destruíu a  sanidade pública e cobrou inxustamente” polos medicamentos.

 

Esixiu que “non faga contas con cabeza matemática” para dicir que a media dos pensionistas pagará en Galicia 8 euros ao mes xa que, explicou, deste xeito están incluíndo aos que non necesitan medicamentos. Dixo que “o problema non é o que non enferma, senón o polimedicado ou enfermo crónico que cobra 609 euros ao mes e ten que consumir 200  medicamentos.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar