Trato de favor nos contratos de transporte de viaxeiros da Xunta

Trato de favor nos contratos de transporte de viaxeiros da Xunta

Trato de favor nos contratos de transporte de viaxeiros da Xunta

O portavoz de Transporte do Grupo Socialista, Raúl Fernández, presentou no Parlamento unha batería de iniciativas parlamentarias sobre a decisión da Xunta de contratarlle a metade dos estudos sobre planificación de transporte público contratados en 2016 á mesma empresa que presta asesoramento e asistencia técnica á Dirección Xeral de Mobilidade.

Fernández sinala que a empresa viuse beneficiada por unha “posición non neutral e privilexiada en relación ás contratacións realizadas coa Dirección Xeral de Mobilidade”. A empresa, Iplan Movilidad, “conseguiu a metade dos lotes contratados, repartidos en seis áreas territoriais”.

Ademais, engadiu, a dita empresa ten accionariado e administración común coa empresa Tema Ingeniería, S.L., adxudicataria doutro dos contratos para a realización da nova planificación na zona do oeste de A Coruña. A cantidade adxudicada pola Consellería ás dúas empresas superou os 550.000 euros.

Os socialistas reclamaron ademais por vía formal –o coñecido como Artigo 9 do Regulamento do Parlamento- que a Consellería remita a copia completa dos expedientes de contratación relativos á planificación do sistema de transporte público de viaxeiros, así como do servizo de asesoramento e asistencia á Dirección Xeral de Mobilidade en materia de transporte colectivo regular nos últimos anos.

Contra o principio de igualdade

O responsable socialista advirte que a Consellería “non respecta o principio fundamental de igualdade entre as empresas ofertantes, posto que unha delas posúe unha información privilexiada que as demais non poden ter, gozando dunha posición a priori xa dominante e ademais contraria á legalidade”.

Lembra que a Directiva 2014/24/UE permite a contratación de expertos independentes para axudar nas contratacións, pero engade que o asesoramento “non pode ter como efecto falsear a competencia e non pode dar lugar a vulneracións dos principios de non discriminación e transparencia”.

A mesma normativa establece que a Consellería debera neste caso “tomar as medidas axeitadas para garantir que a súa participación non falsee a competencia, incluíndo a comunicación aos demais candidatos licitadores da información pertinente”.

jacobo

Deixar a resposta

Pechar