Transparencia e legalidade para impedir a venda das centrais de Ferroatlántica

Transparencia e legalidade para impedir a venda das centrais de Ferroatlántica

Transparencia e legalidade para impedir a venda das centrais de Ferroatlántica

A deputada socialista da Costa da Morte, Loli Toja, esixiulle hoxe ao goberno galego “transparencia e cumprimento da legalidade” na xestión da petición de segregación e posterior venda da centrais de Ferroatlántica en Cee e Dumbría. Así o dixo logo dun encontro co Comité de Empresa que mantivo hoxe en Cee xunto coa portavoz socialista no Concello, Margot Lamela, e no que reclamaron que se rexeite a segregación solicitada pola empresa.

A responsable socialista trasladou hoxe a esixencia de respostas por parte dos traballadores, desanimados logo do encontro cun conselleiro de Industria “frío e opaco, que non dixo nada e o único que conseguiu foi crear máis incertidume e angustia”. Toja lembrou a repercusión das ditas centrais para a economía da Costa da morte e esixiu “respostas certas e transparentes” do goberno galego.

A parlamentaria da Costa da Morte esixiulle ao goberno galego que “remate coas tomaduras de pelo” a unha comarca enteira logo de meses negando a evidencia da petición de segregación por parte de Ferroatlántica. O seu futuro, dixo, está “en xogo pola operación de venda dunha empresa” que utiliza a milleiros de familias “como moeda de cambio para tapar as súas débedas”.

Toja comprometeuse a levar ao parlamento as demandas dos traballadores da empresa que, dixo, “están convencidos de que foron convocados a falar co goberno galego para cubrir o expediente, para agochar que en realidade non están a facer nada”.

Pregunta ao goberno

Lembrou que os socialistas galegos presentarán unha pregunta ao goberno na sesión de control do Pleno do próximo mércores na que lle trasladarán ao conselleiro as demandas dos traballadores da empresa.

Sinalou que o goberno galego está obrigado non só a “cumprir a Lei”, senón tamén a responder do mandato do Parlamento de Galicia, que a finais do mes de febreiro aprobou, tamén co voto do PP, en dúas sesións consecutivas de Comisión e Pleno, dúas iniciativas idénticas presentadas polos socialistas galegos en defensa da factoría.

Esixiulle que “deixen de tratar con desprezo a unha comarca e aos 400 traballadores dunhas explotacións que constitúen “o seguro de vida da comarca, se mire como se mire”. Estas explotan os recursos naturais da Costa da Morte, utilizan un terreo e uns recursos declarados de utilidade pública e dispoñen dun Porto –o de Brens- practicamente específico.

Os socialistas galegos lembra que a concesión, aínda vixente, establece como condicións que non poidan segregarse de Ferroatlántica as actividades de ferroaliaxe e produción de enerxía eléctrica polas centrais. Sinala que o Parlamento acordou por unanimidade esixirlle ao goberno galego que manteña as condicións asinadas na concesión, ademais de manter a actividade produtiva e os postos de traballo.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar