Toxo esixe á Xunta que promova o aproveitamento dos restollos de fincas e montes en biocombustible

Toxo esixe á Xunta que promova o aproveitamento dos restollos de fincas e montes en biocombustible

Toxo esixe á Xunta que promova o aproveitamento dos restollos de fincas e montes en biocombustible

O grupo parlamentario dos socialistas de Galicia ven de presentar unha Proposición non de lei pola que se insta ó Goberno galego a promover unha campaña informativa sectorial sobre os beneficios derivados do aproveitamento e a transformación dos restrollos orgánicos xerados pola limpeza de fincas e montes. A iniciativa pretende que se estude a viabilidade da articulación dun sistema de recollida dos restrollos orgánicos xerados durante as limpezas de fincas e montes, de cara á súa posterior transformación en biocombustibles orgánicos.

Por outra banda propón manter un diálogo aberto coas comunidades de montes e as entidades locais de cara a substituír as actuais políticas de queima de residuos orgánicos e limpeza ocasional de fincas e montes, por políticas orientadas á recollida intensiva destes residuos e posterior transformación da biomasa. Tamén reclama crear unha liña pública de axudas á merca de sistemas de calefacción baseadas en biocombustibles de fonte renovable, tanto polo seu menor impacto ambiental, como pola súa capacidade para reforzar esta sinerxia económica de vital importancia para o medio rural de Galicia.

Para Luis Toxo Ramallo, deputado impulsor desta iniciativa, a limpeza dos montes e fincas de Galicia constitúe a “principal materia pendente nas políticas de revalorización do agro e de prevención de incendios”. A atomización ou a pouca incisión nas decisións tomadas por este Goberno autonómico, ata o momento, ten permitido a existencia das condicións idóneas para a xeración e rápida propagación de incendios forestais. Alén da improvisación na disposición de medidas de seguridade activa en prevención, o parlamentario socialista denuncia que “ningunha medida pasiva se ten tomado que afecte significativa e positivamente ao medio rural galego”. Todos estes argumentos conforman “un cóctel de ineficacia” causa, entre outras, da vaga de incendios que, sobre todo, asolou a provincia de Ourense este mes de outubro pasado.

Non obstante, en materia de políticas públicas existe aínda unha ampla marxe para convertermos a ineficacia en eficiencia. Toxo salienta que o monte galego ten a oportunidade de transformar o problema dos residuos ou os restrollos orgánicos nunha nova fonte de valor xeradora de ínsumos particulares e colectivos. Dende que materiais biocombustibles como os pellets ou lignograns e as briquetas se consideran fontes renovables de enerxía, os nosos montes fornecen en inxente cantidade destas materias primas e o crecemento na demanda dos sistemas calefactores que utilizan lingnograns ou briquetas obriga a crer no atractivo do sector. “O monte galego ten innovadores elementos de atractivo para o investimento en novas políticas públicas de limpeza de montes e tratamento produtivo de restrollos”, afirma.

Dende o PSdeG-PSOE estámonos a referir, en concreto, as políticas públicas que fomenten a recollida destes residuos e canalicen a súa posterior produción en materiais biocombustibles prensados destinados á xeración de enerxía renovable. Os poderes públicos teñen un decisivo labor como estimuladores da participación dos propietarios de fincas, agricultores e comunidades de montes dentro do sector enerxético. As oportunidades para a creación de sinerxias positivas e a constitución de incentivos positivos para a: (a) valoración dos recursos naturais, (b) a limpeza de montes, (c) a seguridade preventiva e pasiva na loita contra os incendios, (d) a creación de emprego dentro da economía sostible, e (e) a redución das emisións de CO2 á atmosfera e a redución da pegada ecolóxica, son argumentos abondo de cara a iniciar sen demora unha decidida política pública de investimento nesta dirección.

Con esta liña de traballo perséguese un triplo efecto. Primeiro, poñer en marcha políticas pasivas de limpeza dos montes e de prevención dos incendios. “Dende o PSdeG-PSOE cremos que o alto valor intrínseco do monte galego se pode mellorar e orientarse cara ao benestar da poboación asentada no medio rural a partir da súa participación estratéxica no sector enerxético” afirma Toxo. O monte galego e as fincas públicas ou privadas son fonte de materia prima esencial para a xeración de biocombustibles sólidos. Na actualidade, xa dende o nivel minifundista característico de Galicia, para un particular pode resultar rendible a participación nun proceso de explotación de residuos orgánicos forestais.

Segundo. Igualmente, o crecemento do sector nos últimos anos, especialmente a partir da súa utilización en sistemas de calefacción con biomasa, tennos convencido de que este camiño permitirá ao rural de Galicia no futuro inmediato: (i) aumentar os beneficios xerados, (ii) accedendo a novas fontes de ingreso, a través (iii) da innovación na explotación dos seus recursos tradicionais.

Terceiro. O incentivo dunha actividade económica vinculada a prácticas de conservación natural e paisaxística ten efectos positivos inmediatos sobre a calidade ambiental global de Galicia. Neste momento cabe lembrar que os lignograns son seguros, limpos e clasificados como fonte de enerxía de emisión neutral porque o CO2 emitido durante a súa combustión é igual ao CO2 que absorben as plantas durante o seu crecemento. Por iso o pellet de madeira se inclúe dentro da lista de combustibles e enerxías renovables. En último termo, o abundante toxo dos montes galegos tense mostrado como a materia prima máis eficiente na súa transformación e aproveitamento como lignogran.

Luis Toxo conclúe que “a participación do medio rural galego no sector enerxético entendémola como estratéxica para o seu futuro”. Non só polas consecuencias directas en canto á revalorización do monte galego e da actividade forestal, senón tamén polas consecuencias positivas indirectas en canto ao impacto ambiental ou ao emprego verde vinculado a outras actividades económicas derivadas– no sector turístico fundamentalmente. Ademais “da redución do gasto público e a mellora da eficacia na explotación forestal no medio prazo”, insiste.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar