"Toca alternancia" fronte a un presidente "xordo e cego ás demandas da xente"

"Toca alternancia" fronte a un presidente "xordo e cego ás demandas da xente"

“Toca alternancia” fronte a un presidente “xordo e cego ás demandas da xente”

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, sinaloulle hoxe a Feijóo que “toca alternancia porque vostede foi xordo e cego ás demandas da xente e preferiu traballar exclusivamente para a súa vaidade e para o seu medre persoal”. Así o dixo na sesión de control do Parlamento, na que criticou as “esmolas de subvencións” de 50 millóns de euros que está a ofrecer logo de recortar 1.000 millóns en política social.

O “mantra do déficit” aplicado por Feijóo, dixo, “deixa ao país arrasado, con moito sufrimento e pouca xustiza” logo de sete anos de xestión nas que “sobroulle ideoloxía e faltoulle empatía”. “Por moito que lle rían as grazas os seus cortesanos vostede é o rei espido, que perdeu a camisa da credibilidade”, espetoulle, e engadiu que “dentro de cinco meses estarei sentado na Presidencia e vostede na oposición”.

Méndez Romeu atacou contra a “fixación obsesiva co gasto social e co Estado do Benestar” dun presidente da Xunta que ten “noxo dunha sociedade igualitaria con iguais dereitos e prestacións para todos”. Censurou que queira “unha sociedade estratificada, onde os que menos teñen sexan estigmatizados, excluídos, forzados a solicitar subvencións para todo, que van recibir con criterios burocráticos e non de xustiza”.

O responsable socialista acusou ao PP de buscar “unha sociedade desigual baixo un modelo autoritario, un modelo de Estado da Beneficencia e non un Estado de Dereito”. Mesmo lle dixo que coa súa xestión “vamos contra a historia, cunha sociedade rota, unha inmensidade de persoas excluídas, as clases medias arruinadas e uns poucos beneficiados”

Esmola de axudas

Criticou que Feijóo se descolgara na sesión de control de hoxe anunciando 20 millóns de euros de axudas ás empresas logo de terlles reducido a billa das axudas nun 75 por cento nos últimos sete anos. Acusouno de ofrecer unha “esmola de subvencións de 50 millóns en políticas sociais” logo de ter recortado 1.000 millóns de euros en sete anos, o 8,7 por cento do gasto social en sanidade, educación e Servizos Sociais.

Os anuncios xurdidos nos consellos da Xunta dende a convocatoria electoral, dixo, son insuficientes para tapar a “inoperancia” do goberno galego “por instrucións súas, mesmo nas áreas estratéxicas como o I+D, o Feder, os investimentos en infraestruturas ou as axudas ás empresas.

Sinalou que nos últimos catro anos o PP reduciu un 10 por cento do gasto educativo, o 2,5 por cento do sanitario e o 13 por cento de asuntos sociais “mentres medraban o resto dos gastos non sociais”. Criticou a redución do gasto en persoal precisamente na educación, a sanidade e os servizos sociais e os recortes “onde máis doe, nos programas de emprego e vivenda”.

Ademais, advertiu que “o que anuncia e compromete no orzamento é falso porque logo “deixan sen executar elevadas contías”, como a metade do orzamento destinado a bolsas universitarias, case a metade da loita contra o desemprego ou o 40 por cento das políticas de vivenda. Mentres, o investimento nas universidades retrocede 12 anos, Galicia perde unha quinta parte do persoal investigador e a cultura “foi abandonada”.

Vehículos

Méndez Romeu ironizou coa resposta do presidente da Xunta, quen sinalou que no tempo que duraba a pregunta se fixeran dous vehículos na factoría de Citröen de Vigo, e dixo que “se a produción depende de que este deputado faga preguntas farei unha cada minuto... nin lle conto cántas prendas fixo Inditex neste tempo”, remachou.

Apuntou a “frustración” demostrada polo presidente da Xunta e derivada, dixo, de que “non o queren en Madrid nin nas empresas privadas que si saben ler o balance e a súa conta de resultados, e medir o seu fracaso como gobernante”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar