Suspenso sen paliativos á xestión de educación por parte da Xunta

Suspenso sen paliativos á xestión de educación por parte da Xunta

Suspenso sen paliativos á xestión de educación por parte da Xunta

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, concedeulle un “suspenso sen paliativos” á xestión de educación do goberno galego durante o curso escolar que ven de rematar. O parlamentario socialista dixo que o “seguidismo entusiasta” das políticas do ministro Wert, os recortes drásticos e a aplicación do copago nos comedores obrigan a realizar unha “valoración absolutamente negativa”.

O parlamentario socialista subliñou que a Xunta vén de protagonizar unha “etapa francamente decepcionante” en materia educativa, en primeiro lugar, pola complicidade amosada cara ao ministro de Educación no proceso de elaboración da LOMCE. Advertiu que “si o PP, Wert e o goberno galego seguen adiante e aproban a Lei sen contar con ninguén, os socialistas a derrogaremos cando teñamos responsabilidade de goberno”.

Dixo que o ministro de Educación ten posto en contra ao profesorado, pais, alumnos e sindicatos de ensino cunha reforma educativa “netamente ideolóxica” que renuncia ao consenso para atender exclusivamente aos intereses da conferencia episcopal e da fundación FAES.

Docasar denunciou os recortes drásticos do orzamento do goberno galego dedicado ao ensino, que ascenden a 400 millóns de euros en só catro anos, e que provocaron os recortes de plantilla e profesorado e a perda de calidade educativa, con reducións en formación de profesorado e axudas aos estudantes. Cuestionou os datos do goberno galego, que estima os recortes en 1.200 profesores, e dixo que “claramente son mais”.

Tamén criticou a posta en marcha do copago nos comedores escolares, do que dixo que “nin Franco se atreveu a tanto”, xa que, engadiu, “as diferenzas de renda entre as familias deben de dilucidarse no IRPF, que é onde hai que pagar o comedor, non na escola”. Advertiu que esta medida irá acompañada da aplicación do copago no transporte escolar.

Arma de destrución masiva

O responsable socialista criticou tamén que a redución de bolsas de estudos e da súa contía está a ser utilizada polo PP como “arma de destrución masiva contra a igualdade de oportunidades”. Lembrou que España pasa por ser un dos países da UE co maior número de familias humildes con acceso á Universidade grazas a unha política de axudas que “parece que non lle gusta ao PP”.

Acusou ao goberno galego de xerar unha “cerimonia da confusión” entre as axudas ao estudo e o nivel de estudos. Reclamou “non mezclar os premios aos alumnos brillantes coa redución de bolsas que á hora da verdade impiden ás familias humildes acceder aos estudos”.

Lembrou que o propio ministro de Educación, cunha valoración dun 2 pola súa xestión no goberno, quedaría fóra dos estudos ao non acadar o 6,5 de puntuación que quixo impoñer para acceder a bolsas.

Docasar tamén advertiu do peche de escolas unitarias no rural galego, que o PP está a executar “pouco a pouco” dende o goberno galego mentres “din que están a potenciar o rural”. Reclamoulle ao goberno galego que “si o que quere é falar dun novo mapa escolar en Galicia falamos diso, pero non estamos dispostos a tragar co peche de escolas rurais e a redución de recursos”.

Tamén criticou que a implantación do FP dual seguindo o modelo de Merkel suporá “encetar un ERE encuberto e cambiar traballadores en activo por traballadores en prácticas” xa que “España non é Alemaña”, onde, explicou, os empresarios utilizan este modelo para formar a mozos que substitúan aos que se retiran”.

Cóctel explosivo

O portavoz de Educación do Grupo Socialista engadiu que o goberno galego ten a “obriga moral” de frear a fuga de cerebros, que xunto co envellecemento poboacional de Galicia constitúe un “cóctel explosivo” para a sociedade galega”. Acusou ao goberno de estar “entregándolle gratis a países competidores do noso entorno a mozos perfectamente capaces e ben formados”.

Dixo que este fenómeno, ademais, evidencia que, lonxe das declaracións dos responsables de educación do PP, “non debemos ter un sistema educativo tan malo como para que reciban aos nosos mozos tan ben en medio mundo”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar