Soneira lamenta que a proposta da Comisaria de Pesca da UE "non trae boas novas para Galicia"

Soneira lamenta que a proposta da Comisaria de Pesca da UE "non trae boas novas para Galicia"

Soneira lamenta que a proposta da Comisaria de Pesca da UE "non trae boas novas para Galicia"

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos socialistas galegos, Marisol Soneira, lamentou que a proposta da Comisaria de Pesca, María Damanaki, “non aporta novidades significativas, e por tanto non trae boas novas para Galicia”.

Soneira sinalou que esta proposta “non modifica nin unha coma do Principio de Estabilidade Relativa, polo que na práctica segue a manter a pesca fora do mercado único, castrando así as posibilidades do sector pesqueiro español, e moi especialmente o galego”.

A socialista engadiu que a proposta aporta como única solución para os problemas sobre explotación de recursos a destrución da flota “que no caso de Galicia, xa ten feito un esforzo extraordinario nesta materia”. Apunta que pola contra “non hai unha soa referencia á investigación para coñecer mellor o estado dos recursos pesqueiros, de aplicar con rigor políticas de control, e de establecer medidas de xestión eficaces que contribúan a evitar a sobrepesca”.

“Pagar con diñeiro público desguaces de flota, cuxa construcción foi financiada con cartos públicos, como remedio para recuperar os recursos sae caro e destrúe riqueza e emprego”, sentenciou Soneira.

Tamén botou de menos as referencias ás políticas de comercialización eficaces que premien a calidade de materias primas, a súa orixe, o fomento de mercados locais ou a transparencia nos mecanismos de fixación de prezos.

Soneira criticou ademais a falla dunha aposta clara pola pesca artesanal, “vertebradora das comunidades costeiras, e orixe, si se potencia, de outros nichos de emprego na diversificación desta actividade primaria”.

Lamentou que a proposta “tampouco recolle nada relativo á vertente social desta actividade, ás condicións laborais dos traballadores e traballadoras do mar, a importancia da súa actividade para contribuír á alimentación europea, o papel da fixación de poboación nas zonas costeiras mais deprimidas e a súa importancia nas actividades vinculadas”.

Na mesma liña, apuntou que nesta reforma “non asoma a importancia da muller na pesca, en todas as ramas da actividade” e “segue a negarlle o acceso aos instrumentos de financiamento”.

“Tampouco recolle nin unha soa idea sobre como solventar un desequilibrio que se ven producindo ano tras ano, cando se fixan as cotas pesqueiras” nin sobre a relevancia da vertente exterior da política común de pesca “tan importante para Galicia polos acordos pesqueiros con terceiros países, a presencia da UE nos organismos rexionais de pesca que xestionan caladoiros, ou a importante participación da flota e empresas galegas en países como Arxentina, Namibia, Mozambique ou Chile”.

Por último, lamentou que non se faga alusión á contribución da política exterior en materia de pesca en cooperación e desenvolvemento dos países obxecto prioritario da cooperación polos seus niveis de pobreza.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar