Socialistas galegos e do norte de Portugal colaborarán para o desenvolvemento da eurorrexión e de medidas para o emprego e o crecemento económico

Socialistas galegos e do norte de Portugal colaborarán para o desenvolvemento da eurorrexión e de medidas para o emprego e o crecemento económico

Socialistas galegos e do norte de Portugal colaborarán para o desenvolvemento da eurorrexión e de medidas para o emprego e o crecemento económico

“A única fronteira que establecemos os socialistas no marco da UE é a da loita contra o paro e a pobreza que propician as políticas da dereita”, asegura José Ramón Gómez Besteiro

O documento de traballo do encontro de hoxe chegará ao Parlamento Europeo

Os socialistas de Galicia e do norte de Portugal constituíron hoxe en Vigo un grupo de traballo para impulsar o desenvolvemento da Eurorrexión e a posta en marcha de medidas para o crecemento económico e a creación de emprego que farán chegar ao Parlamento europeo.

“A única fronteira que establecemos os socialistas no marco da Unión Europea é a da loita contra o paro e a pobreza que propician as políticas da dereita”, asegurou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que liderou a representación galega xunto ao candidato nas eleccións do 25 de maio, José Blanco, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a secretaria de Organización, Pilar Cancela, e varios deputados e concelleiros.

No manifesto de traballo da reunión, que terá continuidade con outro encontro en Oporto, quedou reflectido que “desde a conciencia da necesidade dunha maior integración europea, os socialistas de Galicia e do Norte de Portugal queremos facer que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal sexa a máis competitiva da Unión Europea, mediante unha clara aposta polo emprego e o crecemento económico”.

“Os socialistas facemos unha aposta ambiciosa pola cooperación birrexional, coa prioridade posta no crecemento sostible por medio da innovación e o coñecemento, en liña coa Estratexia Europa 2020”, asegurou Besteiro.

Entre os principais ámbitos de cooperación que impulsarán os socialistas de Galicia e norte de Portugal están o turismo, as autoestradas do mar e as redes transeuropeas de transporte, a política pesqueira común, a política enerxética, con especial mención ás enerxías mariñas e ao cambio climático, o I+D e a eficiencia enerxética.

Ademais, prestarase unha especial atención ás comunicacións por vía fluvial, xa que o río Miño é unha fronteira natural entre Galicia e o norte de Portugal que debe converterse nun medio de interconexión entre todas as poboacións ribeiregas.

“Os socialistas de Galicia e da Rexión Norte de Portugal seguiremos liderando o desenvolvemento ambicioso da nosa Eurorrexión, impulsando unha cooperación europea de nova xeración que dende o Parlamento Europeo faremos valer esta próxima lexislatura”, manifestou José Luis Carneiro, do socialistas do norte de Portugal.

Os participantes no encontro deixaron claro “o compromiso de trasladar o contido desta reunión a través das iniciativas parlamentarias correspondentes do grupo socialista no Parlamento Europeo”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar