Situación límite na sanidade galega

Situación límite na sanidade galega

Situación límite na sanidade galega

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, responsabilizou hoxe ao goberno galego do “colapso” dos servizos de urxencias de Galicia. Advertiu que “trátase dun problema que pon de relevo a situación límite da sanidade pública galega”, que “satúrase” diante de “calquera pequeno estrés”, como foi o pico da gripe das pasadas semanas.

Para o responsable socialista, a situación deriva da falla de previsión do Goberno e da alarmante eiva de recursos persoais e materiais, e un conselleiro que “considera que as camas son importantes para os hoteis pero non para os hospitais”, como sinalaba no pasado mes de xuño.

Por este motivo, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para que a Xunta informe das previsións e os reforzos asignados diante desta situación e o incremento da dotación material e humana nos servizos de urxencias.

Torrado considera inconcibible que o goberno galego non tomara medidas diante dun pico de gripe estacional que se repite cada ano e do que os médicos viñan alertando nas últimas datas. Critica que a xestión desta situación recaia unicamente no sobresforzo e saturación dos profesionais sanitarios e que o goberno galego “veña presumir agora de tomar medidas demasiado tarde”.

O Grupo Socialista interpela ao goberno galego para coñecer as medidas tomadas neste sentido, en concreto “queremos saber por exemplo se reduciron as intervencións programadas para dispor de camas, se reforzaron o servizo de neumoloxía ou tomaron previsións para atender ás persoas de idade avanzada”.

O parlamentario socialista alerta do clamoroso silencio do conselleiro de Sanidade durante toda esta crise, e ironizou coa súa “preocupación por se está perdido nalgún servizo de urxencias” agardando a que o atendan. Advertiu da habilidade demostrada polo PP para “poñer de moda os problemas da sanidade pública”.

Copago

Aludiu neste sentido ao copago sanitario aos pensionistas, logo do “globo sonda” enviado pola ministra de Sanidade sobre o posible aumento do copago aos pensionistas que perciban máis de 18.000 euros ao ano. Subliñou a oposición frontal dos socialistas a esta medida, e presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reducir paulatinamente o copago a tódolos usuarios da sanidade pública.

Reclamou a reversión do copago farmacéutico en primeiro lugar a tódolos xubilados con pensións por debaixo dos 800 euros mensuais, que supoñen o 80 por cento do total dos pensionistas.

Explicou que o acceso aos medicamentos constitúe un dereito que debe ser financiado a través dos impostos progresivos porque “é parte da asistencia sanitaria”. Puntualizou que “os socialistas queremos garantir dereitos e redistribuír a riqueza, fronte ao PP que quere garantir a riqueza e redistribuír os dereitos”.

Os socialistas presentarán tamén iniciativas parlamentarias para suscitar o debate sobre o déficit na atención pediátrica en toda Galicia, con Centros de Saúde que non poden cubrir as baixas dos pediatras ao longo de toda a xeografía desta Comunidade Autónoma.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar