Sinalan que os orzamentos da Xunta “inciden mais na ferida aberta en Galicia” de destrución do paro, caída da actividade económica e deterioro dos servizos públicos

Sinalan que os orzamentos da Xunta “inciden mais na ferida aberta en Galicia” de destrución do paro, caída da actividade económica e deterioro dos servizos públicos

Sinalan que os orzamentos da Xunta “inciden mais na ferida aberta en Galicia” de destrución do paro, caída da actividade económica e deterioro dos servizos públicos

González Santín apunta que a situación económica de Galicia “non é un problema de herdanza, é un problema de herdeiro”

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, dixo hoxe que os orzamentos da Xunta “inciden mais na ferida aberta en Galicia” de destrución do paro, caída da actividade económica e deterioro dos servizos públicos. Así o dixo no comezo do debate final dos Orzamentos da Xunta, que comezou hoxe no Pleno do Parlamento.

González Santín advertiu que os orzamentos que presenta o goberno galego para 2013 son “continuístas” e certifican a “resignación” de Feijóo a “non solucionar os problemas de Galicia”, polo que “dedica todo o seu esforzo a xustificarse”.

Criticou que a Xunta se centre tan só en “reducir o gasto público en Galicia” deteriorando os servizos públicos retirando os libros de texto gratuítos, impoñendo o repago farmacéutico e de próteses hospitalarias, ou o repago no transporte sanitario.

O responsable socialista advertiu que “non é un problema de herdanza –do goberno socialista-, é un problema de herdeiro”, xa que coincidindo con estes recortes drásticos Feijóo fixo medrar o paro un 30 por cento dende a súa chegada á Xunta ata roldar os 300.000 desempregados, o máximo histórico desta Comunidade Autónoma.

Criticou que a única resposta de Feijóo diante do problema do paro sexa recortar de novo os fondos de promoción de emprego en 137 millóns de euros neste ano 2013, un 40 por cento mais con respecto ao ano pasado, co que xa acumula un descenso de 400 millóns de euros dende 2009.

González Santín defendeu as 60 emendas ao articulado dos orzamentos, que sumadas ás emendas ao estado de gastos superan as 600 emendas presentadas polos socialistas aos orzamentos da Xunta, das que, dixo, o rodillo do PP só admitiu unha e transaccionou outra. Lembrou que a única emenda socialista aprobada é a que impide ás entidades instrumentais e delegacións territoriais da Xunta contratar persoal de gabinete.

Emendas

O parlamentario socialista fixo un resumo das principais emendas presentadas polo seu Grupo Parlamentario, dirixidas a blindar os servizos públicos para axudar á cidadanía a soportar o peor da crise económica. Estas emendas coinciden cunha serie de propostas dirixidas a impulsar a actividade económica e aumentar os fondos do Goberno galego incrementando os impostos ás grandes fortunas e ás entidades financeiras.

González Santín salientou que os gastos financeiros do Goberno galego aumentaron un 38 por cento con relación ao ano anterior, co que ascenden xa ata os 1.000 millóns de euros, mentres os non financeiros redúcense en 655 millóns de euros.

Reclamou aumentar o control do goberno dando conta dos incrementos de gastos das entidades instrumentais e remitindo ao Parlamento datos sobre tipo de adxudicación, licitacións presentadas e importe do contrato dos expedientes de contratación superiores a 3.000 euros.

Tamén reclamou que a Xunta emita un informe sobre o impacto dos contratos de participación público – privada nos orzamentos futuros, para coñecer o custe real deste sistema de contratación. Ademais, solicitou o plan de actuación da Axencia Tributaria de Galicia.

No apartado social, os socialistas solicitan manter o nivel adquisitivo da Risga, que sexa actualizada en función do IPC, e salientou o incremento de beneficiarios desta axuda pola incidencia da crise, un 24 por cento mais en 2012, co que xa hai preto de 7.000 galegos beneficiarios deste mecanismo. Tamén reclamou o incremento das bolsas de estudantes, ou a prohibición dos concertos educativos con centros que segreguen por sexo.

O Grupo Socialista tamén pediu que a Xunta garanta a universalidade e gratuidade da sanidade aos empadroados en Galicia, ademais de dotar de medios á función pública como vía para mellorar a atención aos cidadáns, e amosou a súa oposición á retirada da paga extra dos funcionarios da Xunta.

Tamén reclamou a rebaixa das retribucións do persoal eventual dependente da Xunta, e sinalou que os altos cargos deben ter en todo caso salarios inferiores aos do xefe do Goberno galego. Tamén reclamou que os directivos de entidades dependentes teñan un salario equiparable ao dos directores xerais, e propuxo a redución dun 10 por cento das percepcións nos consellos de administración.

Os socialistas galegos solicitaron que os altos cargos publiquen as súas declaracións de bens no DOG, tal e como fixeron o presidente e os membros do goberno galego, e reclamou de novo a creación dunha Oficina de control orzamentario que preste apoio aos grupos parlamentarios. Tamén pediu a publicación dos gastos previstos de publicidade e propaganda.

En definitiva, solicitou o incremento do control da xestión dos gastos da administración pública, así como unha mellora do control da execución das obras financiadas polo goberno galego.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar