Sinalan que o ERE da Consellería de Traballo constitúe “o paradigma do fracaso da política de emprego do goberno galego”

Sinalan que o ERE da Consellería de Traballo constitúe “o paradigma do fracaso da política de emprego do goberno galego”

Sinalan que o ERE da Consellería de Traballo constitúe “o paradigma do fracaso da política de emprego do goberno galego”

Carmen Gallego denuncia “engano, paro e corrupción” no seno da Consellería de Traballo e Benestar

Reprocha aos populares que busquen emprego para os seus, como no caso dos Baltar na Deputación de Ourense ou da creación dunha praza para unha curmá de Feijóo na Casa da Xuventude de Ourense

A portavoz de Políticas Sociais do Grupo Socialista, Carmen Gallego, dixo que o ERE anunciado pola Consellería de Traballo constitúe “o paradigma do fracaso estrepitoso da política de emprego aplicada polo goberno galego”. Así o dixo no debate de emendas parciais aos orzamentos da Xunta correspondentes a esta Consellería que tivo lugar hoxe na Comisión de Orzamentos.

A responsable socialista sinala que o despedimento de 40 traballadores laborais e a amortización de 120 prazas mais constitúe “un claro punto de partida para os EREs na administración autonómica”. Sinala que con esta decisión “o partido da contabilidade B aplica o seu programa oculto, o programa B” e “exemplifica con claridade meridiana que renuncia a calquera tipo de política de creación de emprego”.

Lembra que a Xunta vén de recortar 7,9 millóns de euros correspondentes a gastos de persoal, que se suman ao recorte dos 223 promotores e orientadores de emprego que operaban en Galicia, cos que a Xunta “deixa meridianamente claro que a área de emprego non lle é prioritaria”.

Engano, paro e corrupción

Denuncia que a Consellería “agrupa claramente as tres características do goberno galego dende a chegada de Feijóo, como son engano, paro e corrupción”. Así sinala que mentres aplican o primeiro ERE da administración autonómica, “Feijóo blinda e favorece unha vez mais á súa familia, creando unha praza para unha curmá do presidente da Xunta como educadora na Casa da Xuventude de Ourense diante da cercanía do concurso de traslados”.

Lembrou que o engano nesta consellería comezou cando aplicaron a clave S-698 para “trampear” os datos do paro, dificultan o acceso á Renda de Integración Social e retrasan un ano as prestacións de dependencia, que mesmo son concedidas en menor grao do recoñecido “para aforrar”.

Dixo que “malia os seus intentos, a realidade é teimuda, e hoxe temos 290.790 desempregados, Galicia “está en termos absolutos á cabeza do crecemento do paro en España” encabezando a suba do desemprego en decembro e xaneiro, situando esta Comunidade Autónoma nun paro xuvenil do 48 por cento, con 37.600 parados menores de 25 anos, 92.000 fogares con tódolos seus membros no paro e 120.000 parados sen ningún tipo de axuda.

Corrupción

Na súa intervención a parlamentaria socialista afeou aos populares que non quixeran falar de solucións para o desemprego nin do outro asunto que atrae a atención e a preocupación da cidadanía como é a corrupción. “Corrupción da que está salpidaca o seu partido ata niveis tan extremos que ata neste debate está presente”, dixo Gallego.

A viceportavoz do Grupo Socialista denunciou que a consellería de Traballo estea axudando a que “personaxes como Baltar pai e Baltar fillo, a través dos contratos de Servizos Socais, estean recolocando a persoas que están agora no xulgado e todos coñecemos”.

Citou tamén as denuncias dos sindicatos sobre a creación dunha praza de educadora na Casa da Xuventude de Ourense a unha curmá de Núñez Feijóo ante a posibilidade de que por un concurso de traslado se quedara sen emprego. “Esa é a preocupación do PP e do Goberno Feijóo: buscar emprego si, pero para os seus achegados”, recriminoulle Gallego aos populares.

Opacidade e falta de estratexia

A deputada socialista salienta “unha constante no Orzamento da Consellería de Traballo e Benestar: unha clara vontade de non explicitar que cómo se fai o reparto do diñeiro no territorio”. Acusa ao Goberno Feijóo de facer este reparto “non tanto en función das necesidades como en función da conveniencia política”.

Denunciou o “fluxo de contratados do Baltar pai ao Baltar fillo a través dos Servizos Sociais”.

Ademais da opacidade denuncia Gallego a “falta de estratexia”. Así critica a falta de accións específicas para colectivos con “maior risco, como desempregados de longa duración, a muller e a mocidade que está a marchar do noso país”.

Emendas

Os socialistas presentaron hoxe as súas emendas parciais correspondentes a esta Consellería, que inclúen a aprobación dun Plan de emprego específico para os sectores máis necesitados, como son os mozos e mozas, as mulleres e os parados de longa duración. Tamén reclamou o incremento de 7,8 millóns de euros para dedicar a bolsas – contrato de fomento do emprego.

Esixiron o investimento de 4,2M€ para devolver ao seu posto de traballo aos traballadores e traballadoras do Servizo de Orientación Laboral despedidos o ano pasado. Os socialistas acusan ao Goberno de querer privatizar un servizo que consideran unha peza clave das políticas activas de emprego.
Neste sentido propuxeron tamén unha emenda para destinar 7,8M€ para Bolsas-Contrato para que a mocidade poida acceder a un primeiro emprego.

En materia de benestar, os socialistas reclaman o cumprimento efectivo da Lei de Dependencia, o reforzo das axudas ás persoas en risco de exclusión social, a recuperación do Plan concertado de prestación de servizos sociais a través dos concellos, un Plan de inclusión social e laboral de persoas con discapacidade, que inclúa a reposición das oficinas de inclusión social nas sete cidades e no consorcio das Mariñas que o PP desmantelou.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar