Sinalan que Feijóo gasta máis de 900.000 euros en persoal eventual do seu gabinete

Sinalan que Feijóo gasta máis de 900.000 euros en persoal eventual do seu gabinete

Sinalan que Feijóo gasta máis de 900.000 euros en persoal eventual do seu gabinete

Marisol Soneira critica a falsa austeridade do PP, que aumentou un 15,73 por cento os gastos en persoal de gabinete, e incrementa o gasto en funcionarios malia eliminar a paga extra e rebaixarlles o salario

A parlamentaria socialista Marisol Soneira ven de denunciar a falsa austeridade de Feijó ao incrementar os gastos en persoal de gabinete nun 15,73 por cento ata chegar aos 908.818 euros. Así o dixo na comparecencia do secretario xeral de Presidencia da Xunta para presentar os orzamentos correspondentes ás competencias do Gabinete de Núñez Feijóo.

Dixo que logo da campaña de falsa austeridade lanzada durante a pasada lexislatura, o presidente ten superado os gastos de persoal do goberno socialista, convertendo en “papel mollado” o seu discurso de “facer mais con menos”. Así, lembrou que os gastos en persoal funcionario teñen medrado con respecto ao ano 2012 “a pesares de privalos da paga extra e de incumprir a súa palabra baixándolles o salario”.

A responsable socialista advertiu que o presidente da Xunta “é incapaz de presentar un balance positivo en defensa da súa idea de aplicar o cobro por obxectivos”. A isto únese o “fiasco” da súa xestión económica, cun balance negativo polo incremento da débeda, do paro, o impulso da actividade económica e os sectores produtivos, o fracaso da fusión das caixas galegas e o empeoramento da calidade dos servizos públicos.

Soneira lembrou que o presidente da Xunta posúe competencias plenas en materia de turismo, o que, en lugar de impulsar o sector, traduciuse nunha nova redución do 28 por cento no orzamento da Secretaría Xeral de Turismo, pasando de 50 millóns en 2012 aos 36 do ano seguinte, un 54 por cento menos con relación a 2009.

Dixo que este sector, que supón o 10 por cento do PIB de Galicia, exemplifica o fracaso da xestión de Feijóo, que rexistrou unha caída do 4,4 por cento no volume de viaxeiros –fronte ao 2,4 do conxunto do Estado-. Ademais, as pernoctacións baixaron no último ano nu 7 por cento, a estancia media un 3 por cento, os ingresos por habitación un 11 por cento e o nivel de ocupación un 8 por cento.

Galicia está a acadar actualmente peores resultados que os destinos do seu entorno, cunha rendibilidade de 17,1 euros por habitación, unha das mais baixas do Estado, co que a absorción das competencias en materia de turismo polo presidente da Xunta hai un ano “supuxo o afundimento absoluto do sector”.

Medios de comunicación

A responsable socialista criticou que a secretaría xeral de Medios teña desenvolto unha política “clientelar, sectaria e bananeira”, co abandono da promoción e defensa da lingua galega e a primacía da “información laudatoria para o goberno e o seu presidente”.

Criticou que os medios en castelán teñan recibido en 2012 1,7 millóns de euros fronte aos 445.000 dos medios en galego, mentres subvencionan “algúns medios que lle atribúen como principal mérito á esposa de Rajoy que sexa “nada galega”.

Criticou que o galego tamén deixou de ser o principal sinal de identidade da CRTVG, un ente lastrado polo “incumprimento flagrante dos prazos de aplicación da nova Lei da CRTVG” para aplicar unha “manipulación informativa sen complexos, pasando pola persecución e marxinación de profesionais pouco propensos a secundar tanta tropelía”.

Emigración

Soneira criticou que o goberno galego ten “renunciado a facer política de emigración con maiúsculas”, a través dunha xestión que “carece por completo de política para integrar o mundo empresarial da Galicia exterior na economía de Galicia”, malia o que “seguen mantendo as oficinas subvencionadas e inoperativas da CEG no exterior”.

Sinalou que os recursos para a emigración “reducíronse nun 19,86 por cento con relación a 2012” e un 55,28 por cento con respecto a 2009, co que “as prioridades do PP e do presidente da Xunta para a Galicia na diáspora son sinxelamente dar unha esmola”. Esta decisión contrasta co mantemento do gasto en persoal de Gabinete, que é o 1,45 por cento do orzamento da Secretaría Xeral, e aumenta o gasto en persoal laboral.

Finalmente, lamentou a diminución xeneralizada nos orzamentos para o deporte galego, que perde un 13,35 por cento con relación a 2012 e un 45 por cento con relación a 2009. A conclusión, dixo, resúmese na diminución nas partidas para as federacións, a diminución nas partidas aos centros de tecnificación e na dinamización deportiva.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar