Silvia Fraga acusa á Xunta de empobrecer a Lei de Voluntariado elaborada na pasada lexislatura

Silvia Fraga acusa á Xunta de empobrecer a Lei de Voluntariado elaborada na pasada lexislatura

Silvia Fraga acusa á Xunta de empobrecer a Lei de Voluntariado elaborada na pasada lexislatura

A portavoz de Mocidade, Voluntariado e LGBT do Grupo Socialista, Silvia Fraga, criticou que a Xunta ten remitido unha Lei de Acción Voluntaria “empobrecido e castrado” logo de dous anos e medio de goberno. Así o dixo no debate desta Lei en Comisión, na que reclamou “mellor coordinación e mais representatividade” para as entidades de acción voluntaria.

A Lei foi aprobada hoxe coa abstención dos socialistas galegos porque, explicou Silvia Fraga, “é o mesmo texto elaborado polo goberno socialista pero empeorada” e criticou unha diminución do 80 por cento nos orzamentos destinados ao Voluntariado. Hoxe foron aprobadas as emendas socialistas números 5, 10, 13, 18, 19, 21, 22, 26, 27, 32, 36, 37, 40 e 42, e a transacción entre a emenda 6 do Grupo Socialista e a 8 do BNG.

Fraga acusou á Xunta de ter paralizado durante dous anos e medio unha Lei elaborada polo goberno socialista durante a pasada lexislatura “nos que estiveron enredando e mareando a perdiz” para presentar unha Lei “francamente peor”. Denunciou que o novo texto ten suprimido a Escola Galega de Voluntariado, o Foro de Comunicación da Acción Voluntaria e a Rede Galega das entidades do sector.

A responsable socialista presentou un total de 43 emendas para, entre outras cuestións, recuperar estes organismos, que foron rexeitadas polo PP co “falso discurso da austeridade” porque, sinalou, “a posta en marcha destas ferramentas non tería ningún custe extra para a administración autonómica”. Pola contra, estas entidades garantirían “unha maior difusión e unha mellor coordinación” das actuacións do voluntariado en Galicia.

Tamén reclamou o incremento da presenza das entidades de acción voluntaria no Observatorio Galego de Acción voluntaria, garantíndolles a vicepresidencia e unha vogalía adicional para paliar a súa infrarrepresentación. Criticou a sobrerrepresentación da administración autonómica e reclamou tamén que se garantira a presenza dos municipios a través da designación de dous vocais pola Fegamp.

Silvia Fraga sinalou tamén que a presenza das entidades dedicadas á defensa da igualdade no Consello Galego de Acción Voluntaria tivo que ser garantida a través dunha emenda socialista, finalmente aceptada polo PP, que inicialmente “tivera un despiste”.

Prestige

Os socialistas reclamaron tamén recuperar o texto redactado polo anterior goberno “no que se refire á mención expresa do voluntariado en caso de emerxencias e na súa regulación”. Lembrou que Galicia e as súas costas “débenlle aos voluntarios o seu traballo desinteresado diante da desidia, falla de responsabilidade e resposta dunha Xunta e un goberno central dirixidos polo PP na catástrofe do Prestige”.

Lembrou que esta xente “acudiu sen dubidar a limpar as nosas costas, a pesares da administración autonómica, tinxíndoas de branco despois de terse tinxido de negro pola incompetencia dun goberno galego que se foi de caza mentres Galicia sufría a maior catástrofe ecolóxica e o actual candidato á presidencia do PP só vía uns hilillos de plastilina”.

Tamén lembrou o traballo do voluntariado “en defensa do monte galego, cando este viuse atacado por unha vaga de incendios sen precedentes no noso país”. Sinalou que estes antecedentes fan “imprescindible recoller as nosas emendas para unha mellor coordinación e mellor organización diante dunha situación destas características”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar