Sestayo pide o voto ao PSdeG para darlle un "non rotundo" a Rajoy e Feijóo

Sestayo pide o voto ao PSdeG para darlle un "non rotundo" a Rajoy e Feijóo

Sestayo pide o voto ao PSdeG para darlle un "non rotundo" a Rajoy e Feijóo

A candidata do PSdeG-PSOE por Ferrol, Beatriz Sestayo, pediu o voto ao PSdeG-PSOE para darlle un "non rotundo" a Rajoy e Feijóo e valorou como "ilusionante" a primeira metade da campaña electoral. Así o dixo nunha intervención acompañada polo secretario de Organización do PSOE, Óscar López, quen comezou o que foi unha intensa xornada de traballo na comarca de Ferrol cun almorzo na sede de campaña da cidade con xornalistas.

Sestayo puxo de manifesto que “o que a xente nos está trasladando é que, fóra de enquisas coas que algúns medios próximos ao PP pretenden intoxicar a campaña, existen moitas ganas de cambio e que este cambio estea liderado polo Partido Socialista”. De feito, Sestayo subliñou que os datos cos que traballa o PSOE son moi esperanzadores e “só precisan de que todos os veciños e veciñas que afirman querer un cambio de rumbo no país, unha maioría, o materialicen o día 21 co seu voto, a arma máis poderosa que temos os cidadáns e cidadás para dicir un non rotundo aos Gobernos de Feijóo e de Rajoy”.

Para Sestayo, as mentiras que caracterizaron a Feijóo durante estes tres anos e medio de mandato –incidiu no feito de que a lexislatura non foi esgotada porque o “embaixador do PP en Galicia” foi obrigado por Rajoy a adiantar os comicios antes de que o presidente do Goberno “meta a motoserra aínda máis a fondo”- seguen a ser unha constante nestes días de campaña.

A “trapallada” de Pemex é un claro exemplo deste cúmulo de mentiras que, como deixou de manifesto a candidata, foron destapadas polos propios responsables da Petroleira en México, non polo PSOE, que “unicamente actuou dun xeito responsable interesándose polos contratos nos lugares correspondentes, é dicir, Parlamento e Congreso, despois de que os xefes e conselleiros delegados de Pemex negaran en diversas ocasións a existencia dos mesmos”.

Pero, como subliñou Sestayo, o máis grave de todo é que con este circo que xerou o PP, Feijóo está ocultando o que realmente importa a esta comarca e o seu futuro: a construcción do dique flotante. “O PP está orquestrando unha campaña en torno a Pemex, (cuxos contratos, se existiran, serían saúdados positivamente polo Partido Socialista, matizou), que está ocultando o máis grave para o sector naval”, destacou a responsable socialista, que lembrou que o Partido Popular non leva no seu programa nin unha liña, a pesares de que Núñez Feijóo ata hai uns meses era o aval persoal do dique flotante, sobre esta infraestrutura fundamental e decisiva para Ferrolterra.

“Fronte a desidia do Partido Popular, as súas mentiras e os cero euros que os Presupostos Xerais do Estado adican ao dique flotante, o PSdeG plantexa un compromiso claro e materializado no seu programa, coa proposta de adicar unha partida económica ao mesmo”, afirmou Sestayo, para a que “os traballadores do naval, que incluso foron denunciados a pasada semana no Xulgado pola plana maior do PP por defender os seus dereitos laborais, deben respostar masivamente contra un partido que, sen ningún tipo de rubor, os minte unha vez detrás de outra”.

A candidata tamén se referiu á merma de dereitos sufrida nestes anos en Galicia, e dende que Rajoy chegou á Presidencia do Goberno, tamén no conxunto de España. Para a que é tamén secretaria xeral dos socialistas ferroláns, a defensa a ultranza dos servizos públicos será un dos principais obxectivos do PSdeG se goberna despois dos comicios do vindeiro domingo e, a este respecto, lembrou o compromiso de Pachi Vázquez de non despedir nin a un empregado público.
“O Partido Socialista é o único garante dos servizos públicos”, dixo Sestayo, para a que o Partido Popular “nos ten quitado ata a dignidade”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar