Sestayo critica a “política depredadora dos servizos públicos” do PP

Sestayo  critica a “política depredadora dos servizos públicos” do PP

Sestayo critica a “política depredadora dos servizos públicos” do PP

A portavoz de Servizos sociais do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Beatriz Sestayo, criticou a “política depredadora” con relación aos servizos públicos por parte da Xunta e do PP. Así o dixo logo de que os “populares” rexeitaran hoxe en Comisión unha iniciativa socialista para que a Xunta recupere o Servizo de Axuda no Fogar.

Sestayo lembrou que a Xunta decidiu unilateralmente suprimir as novas altas nestas axudas a domicilio dende o pasado 30 de marzo, co que os servizos municipais “non poden dar de alta en axuda no fogar”. Isto ocasiona “un sen fin de queixas e situacións inxustas para persoas que precisan ese servizo que lles vén agora restrinxido pola Consellería de Benestar no seu afán de restrinxir os servizos públicos de Galicia”.

Acusa á Xunta de “tirar a pedra e agochar a man” por canto estas restricións “teñen que ser comunicadas aos cidadáns e ás cidadás polos servizos municipais, que son os que dan a cara por unhas políticas nas que nada teñen que ver” na supresión dun servizo fundamental para o benestar diario de milleiros de familias beneficiarias desta axuda a domicilio.

Sestayo presentou por este motivo unha Proposición non de Lei na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego na que reclamaba á Xunta “a rectificar a orde do 3 de marzo de 2011 co fin de que se sigan financiando novas altas de servizo de axuda no fogar de prestación básica”. Esta iniciativa foi rexeitada polos votos do PP “nunha mostra máis de insensibilidade de falla de compromiso coa atención a quen máis o necesita”.

O PP, engade, demostra unha vez máis que “o ataque ás políticas sociais municipais constitúe un sinal de identidade inequívoco do goberno de Feijóo, abandonando aos concellos na nobre tarefa de procurar o benestar dos seus veciños e veciñas”. Sinala que isto demostra o “escaso, máis ben nulo, compromiso do actual Goberno galego coa ética, a xustiza social e a solidariedade”.

Así queda manifesto pola “asfixia económica á que se somete ás administracións locais, a supresión de servizos e programas financiados pola Xunta e destinados á prestación de servizos sociais polos concellos e o reparto partidista dos fondos públicos”. Advertiu que “cada nova medida do Goberno popular constitúe un ataque frontal ao benestar das persoas, en especial das que máis necesitan duns servizos públicos de calidade.

Finalizou lembrando que a toma de posesión do Goberno de Feijóo “supuxo para Galicia un recorte sen precedentes nas políticas sociais de Galicia”. Así, citou como exemplos “os recortes orzamentarios, o abandono das políticas de atención á dependencia, o recorte do Plan concertado, o boicot ás oficinas de Inmigración, a supresión dos equipos de Inclusión Social ou a privatización das infraestruturas sociais”.

Malversación política

A responsable socialista denunciou hoxe a “malversación política” das axudas remitidas á Xunta dende o Estado conforme ao convenio asinado en marco para a prestación de servizos sociais básicos. Sestayo criticou que mentres a cláusula terceira deste convenio determina que deben primarse os servizos públicos, a Xunta “non remite aos concellos os fondos para axuda a domicilio e atención á dependencia que lle remite o Goberno”.

Dixo que mentres o Goberno galego non concede estas axudas, “fomenta a privatización para que os cidadáns acodan ao mercado” obrigando a pagar ata tres veces mais por este mesmo servizo, o que cualificou de “intolerable atropelo aos dereitos dos cidadáns”. Esixiu ao Goberno galego que explique “ónde van parar estes cartos” que non son enviados “por decisión unilateral da Consellería de Benestar e de Feijóo”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar