Seis de cada dez traballadoras rurais carecen de ingresos e de alta na Seguridade Social

Seis de cada dez traballadoras rurais carecen de ingresos e de alta na Seguridade Social

Rosa Arcos Eva Martínez Carmen AcuñaA secretaria de Igualdade do PSdeG-PSOE, Eva Martínez, presentou hoxe un Manifesto para denunciar hoxe a especial incidencia no rural da fonda desigualdade laboral entre homes e mulleres. A responsable socialista compareceu hoxe xunto coa portavoz de Igualdade do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Carmen Acuña, e a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais –Fademur-.

O PSdeG-PSOE quixo centrar a conmemoración do Día Europeo pola Igualdade Salarial na situación particular das mulleres do rural, onde seis de cada dez mulleres traballadoras carecen de ningún tipo de ingreso, e nin sequera están dadas de alta na Seguridade Social. Martínez advertiu da situación destas mulleres que “están levando as explotacións pero non son titulares, o que as fai “invisibles, sen salario nin prestacións”.

Advertiu que a situación deriva precisamente do incumprimento da Lei de Titularidade Compartida, elaborada por un goberno socialista, en vigor dende 2011 pero “metida nun caixón” dende a chegada do PP ao goberno, que paralizou o seu desenvolvemento.

A responsable socialista lembrou a desigualdade entre homes e mulleres, cunha diferenza salarial, a coñecida como “fenda” salarial, do 20 por cento segundo a UE e do 24 por cento de acordo co INE. A situación chega a tal gravidade que hoxe unha muller traballa máis de dous meses e medio de balde ao ano, xa que “para ter o mesmo salario que un home teriamos que traballar 79 días máis ao ano.

Iniciativas parlamentarias

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, advertiu que a desigualdade constitúe “unha forma máis de maltrato ás mulleres”, que sofren unha fenda salarial “aumentada pola xestión que está a facer o PP da crise”. acusou ao goberno galego de facer “nada” para resolver unha situación que “en calquera outro ámbito estaría perseguíndose”, pero “Feijóo mantense instalado na súa indolencia e ineficacia”.

Os socialistas galegos presentaron unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que elabore os regulamentos autonómicos necesarios para o desenvolvemento da Lei de Titularidade Compartida e promova as campañas informativas e formativas necesarias para a súa aplicación no rural.

Ademais, propuxo a incorporación da titularidade compartida como criterio de valoración das solicitudes en todas as convocatorias de axudas para explotacións agrarias, “nomeadamente nas axudas á PAC e para a afiliación á Seguridade Social.

Fademur

A presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais –Fademur-, Rosa Arcos, advertiu que o 67 por cento das mulleres que traballan en explotacións agrarias non son titulares dos medios de produción, co que “aínda que traballen toda a vida nunca terán beneficios”. Sinalou que os rendementos están vencellados unicamente ao titular da explotación, polo que estas mulleres simplemente “non computan”.

A situación radica na paralización da Lei de Titularidade Compartida, que logo de cinco anos en vigor “non chegou a cumprir a máis mínima expectativa”. Cando foi presentada estimaba a incorporación de máis 300.000 mulleres, pero ata o momento “apenas 150 mulleres accederon á Lei, e só 13 delas son galegas”, o que demostra o “abandono, desinterese e desleixo da administración á hora de poñela en marcha”.

Arcos reivindicou a norma como un instrumento fundamental para normalizar a situación de milleiros de mulleres que traballan no rural galego, onde “máis da metade das mulleres que traballan no rural teñen menos de 50 anos”, co que poderían estar amparadas a esta norma.

Chamou a “dar pasos e deseñar políticas e estratexias que posibiliten o seu traballo, as súas cotizacións e o desenvolvemento da actividade económica sen depender da autorización do titular do medio de produción”, facéndoas “partícipes directas” da súa “unidade empresarial”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar