Se as acusacións de Gerardo Crespo sobre Feijóo son verdade, o presidente da Xunta "tería que dimitir"

Se as acusacións de Gerardo Crespo sobre Feijóo son verdade, o presidente da Xunta "tería que dimitir"

Se as acusacións de Gerardo Crespo sobre Feijóo son verdade, o presidente da Xunta "tería que dimitir"

Fotografía de Óscar Corral

Fotografía de Óscar Corral

A deputada socialista Marisol Soneira advertiu hoxe que o presidente da Xunta debe comparecer no Parlamento para desmentir as acusacións e “infundios” vertidos polo principal implicado na trama investigada na Operación Zeta, o empresario e membro do PP Gerardo Crespo, porque “se son verdade tería que dimitir”.

A responsable socialista defendeu no Pleno do Parlamento unha moción do PSdeG para que o presidente da Xunta compareza diante da Cámara para dar conta “dos múltiples escándalos nos que se ve involucrado o Goberno galego e o propio presidente”. Criticou que Feijóo “vaia por toda España dando leccións de ética pero sexa incapaz de vir aquí a dar explicacións”.

Soneira puxo o acento sobre as acusacións do principal implicado na investigación xudicial, quen advertiu que o propio presidente da Xunta fora quen dera o aviso das escoitas policiais. Engadiu que Feijóo debe dar conta precisamente dunha trama de corrupción “na que sempre aparece o PP de maneira transversal” e constitúe o “fío condutor dunhas practicas que derivan unha parte da mordida a financiar” a este partido.

Sinalou que, diante da gravidade das acusacións vertidas contra o presidente da Xunta por parte dun militante do seu partido, que o acusou de “cometer delitos”, dixo, “o natural, o razoable e o politicamente correcto sería que o presidente da Xunta pedira comparecer” no Parlamento para aclarar a súa suposta implicación.

A deputada socialista criticou este “sainete” e “vodevil absurdo” no que “o protagonista principal é o PP, o goberno de Galicia e o seu presidente” ademais de “algúns extras”, entre os que sitúa a “un militante despechado ou unha persoa que actúa de abreportas”. Unha comedia, dixo, en torno ao financiamento irregular do PP que tivo o seu último episodio esta mesma semana coa acusación de financiamento irregular do PP de Ourense.

Comparecencia arrastrada

Soneira criticou que o goberno galego queira responder á solicitude de comparecencia de Feijóo solicitando a da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, “arrastrada polas circunstancias e sospeitamos que por imposición dalgún membro do goberno”. Advertiu que a súa presenza no Parlamento producirase 3 anos despois da denuncia presentada por dous traballadores dunha das empresas implicadas.

A conselleira, advertiu, agardou dous anos e medio dende que, segundo asegura, a propia Consellería denunciara ditas irregularidades, dous meses desde que o director xeral de Traballo presentara a súa dimisión e 15 días despois de que el mesmo e varios traballadores deste departamento foran imputados.

Mentres, o goberno galego ten por norma deixar as preguntas da oposición sen responder e as peticións formais de documentación sen atender, deixando claro que pensan que o Parlamento é un estorbo que cumpre eliminar e o regulamento e as normas están para todo salvo para obrigar ao goberno, que “insulta á intelixencia”.

Solicitude

A proposta socialista inclúe ademais que o goberno galego “diante de presuntos casos de corrupción, dea explicacións públicas e compareza no Parlamento de xeito inmediato e urxente para informar á Cámara, sen necesidade de mediar petición expresa dos grupos parlamentarios”.

Finalmente, reclámalle ao goberno galego que “remita ao Parlamento, con carácter de urxencia e de xeito fidedigno, todas as preguntas con resposta escrita e todos os artigos 9 presentados polos grupos parlamentarios en relación cos distintos casos de corrupción”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar