O saneamento das rías non estará completo "nin para esta lexislatura nin para a seguinte"

O saneamento das rías non estará completo "nin para esta lexislatura nin para a seguinte"

O saneamento das rías non estará completo “nin para esta lexislatura nin para a seguinte”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da Xunta de deixar desatendidos o saneamento e depuración das augas vertidas ás rías. O responsable socialista centrou a sesión de control ao presidente na difícil situación dos bancos extractivos, en plena temporada de recollida.

O responsable socialista lembrou unha resposta do Goberno a unha pregunta do Grupo Socialista, na que sinalaba que “no horizonte de 2020” a “planificación” estará concluída e “a maior parte das infraestruturas estarán executadas e en servizo”. Advertiu que “ao falar de horizonte, planificación e maior parte demostran que tampouco estarán nesta Lexislatura nin tampouco na seguinte”.

Acusouno de desatender a depuración das rías, “un dos principais problemas neste momento para a produción marisqueira, que supón unha riqueza fundamental para Galicia”. Sinalou que cando Feijóo “presume” de que a calidade das augas é aceptable nun 77 por cento, en realidade “significa que despois de tantos anos e tantos centos de millóns utilizados, un 23 por cento das augas aínda non dan a calidade suficiente.

Apuntou aos “problemas de execución nas obras de saneamento e depuración previstas”, e apuntou como exemplo que no último ano Augas de Galicia tan só executara 4,9 dos 41 millóns en orzamento, provocando “un ano máis de parón”. Alertou ademais de que “sanear non abonda, hai que rexenerar, extraer os dous metros de lodos da Ría de O Burgo, ampliar as zonas marisqueiras e axudar nos ceses de actividade”.

O responsable socialista lembrou que a normativa comunitaria esixía que a depuración das augas estivera completada no ano 2000, e xa en 2011 o Tribunal Europeo emitiu unha sentenza contra España, en 2013 recibiu unha amonestación e aviso de sanción, e en 2016 foi multada con 46 millóns pola falla de 17 depuradoras, 3 delas en Galicia.

Fernández Leiceaga sinalou que aínda están pendentes de comezar a funcionar as de Vigo e Ribeira, mentres “non se sabe nada da de Praceres, en Marín – Pontevedra, nin na de Santiago, que paralizou Conde Roa e como consecuencia non estará operativa como mínimo ata 2023”. A de Noia resulta “insuficiente e son necesarias outras 5 adicionais no Barbanza para que a calidade das augas sexa suficiente”.

Produción

O portavoz socialista sinalou ademais que os problemas de depuración das augas vertidas ás rías afectan a “milleiros de familias de galegos e galegas que viven dos bancos marisqueiros”. Advertiu que a xestión de Feijóo mantivo o problema das rías, que pasaron dos 9.000 permisos de explotación –Permex- en 1994 aos 3.799 en 2016, e 500 menos nos sete anos de goberno de Feijóo.

Sinalou que no goberno de Emilio Pérez Touriño producíanse nas rías galegas máis de 9.500 toneladas de bivalvos, un 25 por cento máis dos 7.100 que se recollen de media anualmente agora, unha caída “da que vostede é dalgunha forma responsable”, espetoulle ao presidente da Xunta. O propio goberno galego sinalaba nun informe de Pesca que o berberecho atópase ao 4 por cento do seu potencial e a ameixa fina ao 6.

Fernández Leiceaga citou a algúns dos patróns maiores e representantes das confrarías que hoxe atenderon á sesión de control no Pleno do Parlamento, que alertan da “frustración” pola situación dos bancos en Arousa, ou cualifican de “tráxico e desesperante” en Cambados.

Os Lombos do Ulla, unha das principais zonas extractivas da Ría de Arousa, producen menos do 20 por cento do seu potencial, ante a desesperación dos confrades, mentres Noia está paralizada pola toxina, o retraso no dragado de O Burgo deixa aos mariscadores “coa auga ao pescozo polo efecto dos lodos”, e en Ferrol “este ano quedan sen vieira unha vez máis porque os investimentos comprometidos non están operativos”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar