Sánchez Presedo viaxa a Islandia nunha delegación da comisión de pesca do Parlamento Europeo

Sánchez Presedo viaxa a Islandia nunha delegación da comisión de pesca do Parlamento Europeo

Sánchez Presedo viaxa a Islandia nunha delegación da comisión de pesca do Parlamento Europeo

Para a preparación da visita do Parlamento Europeo, prevista para a próxima semana, Sánchez Presedo reuniuse co embaixador de Islandia ante a Unión Europea, Thorir Ibsen.

O eurodeputado socialista e membro da comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Antolín Sánchez Presedo, forma parte da delegación parlamentaria que viaxará a Islandia os días 3 e 4 de maio. Presedo destacou a importancia da visita a Islandia "que ten un importante sector pesqueiro, co que compartimos pesqueiras, e que está a negociar a súa adhesión á Unión Europea e, por tanto, co que existe unha perspectiva favorable ao incremento das nosas relacións en todos os campos"

A este respecto, explicou que "o obxectivo da visita é coñecer a situación da pesca en Islandia, manter contacto con autoridades e representantes do sector, intercambiar opinións sobre o proceso de integración e sobre as pesqueiras que compartimos, coñecer a súa valoración da reforma da política pesqueira común en curso e explorar novos terreos de cooperación futura". A delegación manterá senllas reunións co ministro de Pesca e Agricultura islandés, Steingrimur J. Sigfusson, así como con responsables do ministerio de Asuntos Exteriores. Ademais, están previstos encontros con representantes da federación de buques islandeses e coa asociación nacional de pequenas embarcacións.

"Esperamos que sexa unha visita positiva, que fortaleza o clima de confianza, que nos permita intercambiar informacións e opinións sobre os temas relacionados coa pesca, contribuíndo ao entendemento recíproco, á boa xestión das pesqueiras compartidas e á creación dun clima favorable para avanzar sen receos no proceso de integración europea" declarou Sánchez Presedo.

Así mesmo, a delegación visitará as instalacións instituto de investigación mariña de Islandia, da compañía pesqueira HB Grandi e asistirán a unha demostración do sistema de seguridade da garda costeira islandesa.

Tras a reunión preparatoria co embaixador de Islandia ante a UE celebrada esta semana, o eurodeputado socialista mostrouse convencido de que coa súa incorporación á UE, Islandia podería converterse nun aliado de Galicia no ámbito da pesca co que traballar conxuntamente en aras da consecución de obxectivos compartidos neste ámbito.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar