Sánchez Presedo: "O fondo europeo de pesca debe apoiar a sustentabilidade da pesca e a acuicultura, a industria transformadora e as comunidades costeiras"

Sánchez Presedo: "O fondo europeo de pesca debe apoiar a sustentabilidade da pesca e a acuicultura, a industria transformadora e as comunidades costeiras"

Sánchez Presedo: "O fondo europeo de pesca debe apoiar a sustentabilidade da pesca e a acuicultura, a industria transformadora e as comunidades costeiras"

Defende un enfoque integral para a FEMP polo que os mozos e a pesca e acuicultura de pequena escala deben ter un tratamento prioritario. Estima que deben existir así mesmo fondos para a modernización e a innovación como ferramentas imprescindibles para asegurar a viabilidade económica e a sustentabilidade social e ambiental do sector e das actividades vinculadas á pesca.

O eurodeputado socialista e membro da comisión de Pesca do Parlamento Europeo ha presentado un paquete de 246 emendas á proposta sobre o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP), actualmente en proceso de debate no Parlamento Europeo.

Sánchez Presedo asegurou que "o fondo pesqueiro debe ser un instrumento que contribúa á promoción da pesca e a acuicultura como actividades economicamente viables e competitivas e social e medioambientalmente sustentables". "Este é o obxectivo que buscan as emendas que presentei, dando prioridade aos mozos e á pesca e acuicultura de pequena escala aínda que sen excluír, como figuraba na proposta lexislativa inicial, aos operadores medianos e grandes".

O eurodeputado referiuse a algunhas das prioridades dos socialistas neste regulamento, como a introdución de dotacións específicas para os casos de paralizacións para a pesca, sexan temporais ou definitivas, para o apoio á transformación e á comercialización dos produtos acuícolas e pesqueiros, para os casos de catástrofes naturais, para a mellora das condicións laborais dos traballadores do mar, incluíndo os traballos vinculados, como poden ser os de rederos, empacadores e outros.

En opinión de Presedo, "o fomento da innovación debe ser unha das prioridades da FEMP para o período 2014-2020, para facelo máis competitivo e facilitar a súa expansión e adaptación ás demandas dun mercado en evolución", explicou.

A este respecto, defendeu as axudas á innovación en todas as etapas da cadea de traballo e produción: como a investigación de técnicas de pesca sustentable, a formación dos traballadores ou a promoción de actividades innovadoras na comercialización, incluído o apoio á participación en feiras ou eventos internacionais. "A modernización é un requisito imperativo para o sector e a UE ten a obrigación de responder dando o máximo apoio ás iniciativas emprendedoras orientadas a mellorar a capacidade do sector", asegurou.

Outra dos aspectos nos que incidiron os socialistas é a posta en valor da pesca de calidade a través da certificación e a promoción, tanto na UE como en terceiros países, dos produtos da pesca de proximidade e tempada e da pesca e a acuicultura sustentables, así como dos métodos de transformación respectuosos co medio ambiente.

Entre as súas propostas, Sánchez Presedo aposta tamén por incrementar o apoio aos mozos á hora de iniciarse na actividade pesqueira ou de realizar operacións de substitución, o mesmo que para os casos de renovación e modernización da frota.

No que se refire ao almacenamento, Sánchez Presedo propón o mantemento de axudas compensatorias para o almacenamento dos produtos da pesca e a súa extensión aos produtos da acuicultura.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar