Sánchez Presedo: "Na Eurocámara apostamos por ampliar a capacidade dos agricultores para negociar os prezos do leite"

Sánchez Presedo: "Na Eurocámara apostamos por ampliar a capacidade dos agricultores para negociar os prezos do leite"

O eurodeputado socialista, Antolín Sánchez Presedo, mostrouse satisfeito do consenso alcanzado na nova lexislación, aprobada por 574 votos a favor, 97 en contra e 18 abstencións, sinalando que ten como obxectivo garantir o desenvolvemento viable da produción e mellorar as capacidade de negociación dos produtores de leite, así como conseguir unha distribución máis equitativa do valor engadido ao longo da cadea de subministración,".

Sánchez Presedo destacou o traballo realizado polo Parlamento Europeo e, en particular, polos socialistas españois. "Actuamos con responsabilidade na nosa condición de colexislador nos asuntos agrícolas e conscientes da necesidade de poñer en marcha reformas profundas no funcionamento da cadea de valor do sector", declarou, sinalando que "era hora de dar unha solución ao sector", en referencia á crise de 2009, xunto á volatilidade de prezos e as distorsións no funcionamento do mercado leiteiro detectadas nos últimos anos.

A este respecto, valorou positivamente o Regulamento aprobado esta mañá. "É un importante paso na boa dirección e adianta a reforma da PAC. Recoñece os produtores, a través das súas organizacións, a posibilidade de negociar colectivamente e favorece as organizacións interprofesionais", explicou. Así mesmo, sinalou que "os novos contratos proporcionarán máis estabilidade e lealdade na competencia".

Tras a votación, Sánchez Presedo destacou que "o novo marco posibilitará que as explotacións máis eficientes poidan crecer no futuro, impulsará tamén a diversificación de produtos e a mellora da calidade". En referencia ao caso español, o eurodeputado socialista apuntou que "permite a plena efectividade do Decreto Lácteo do pasado mes de abril", sinalando que xa anticipaba esta orientación. "Os efectos beneficiosos do novo modelo percíbense en Galicia, onde o 45% da produción leiteira se comercializa xa mediante contratos homologados que contribuíron a avanzar na equiparación de prezos", concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar