Sánchez Presedo: "Galicia, como rexión intermedia, beneficiaráse dos fondos de cohesión"

Sánchez Presedo: "Galicia, como rexión intermedia, beneficiaráse dos fondos de cohesión"

Sánchez Presedo: "Galicia, como rexión intermedia, beneficiaráse dos fondos de cohesión"

O eurodeputado socialista Sánchez Presedo mostrou a súa satisfacción polo amplo respaldo do Parlamento Europeo ao mantemento dos fondos para as rexións que abandonan o obxectivo de converxencia, evitando, así, cambios bruscos na percepción das axudas e garantindo o desenvolvemento harmónico e equilibrado destas rexións, medida que xa conta co apoio da Comisión Europea.

Neste sentido, subliñou a importancia da creación dunha nova categoría transitoria, denominada categoría intermedia, da que se beneficiasen aquelas rexións cuxo PIB per cápita se sitúe entre o 75% e o 90%, e entre as que se encontra Galicia. "Esta nova categoría evitará un trato desigual entre rexións que se encontren en situacións análogas, en consonancia co espírito de solidariedade que caracteriza á política rexional", sinalou.

Sánchez Presedo destacou a importancia da proposta que "toma valor engadido no contexto de crise que vivimos", xa que está dirixida aos territorios que vaian deixar de ser obxectivo prioritario e servirá para impulsar a recuperación. Na súa opinión, "será de clave para facilitar a adaptación das rexións á súa nova situación e suavizar o impacto".

"O Parlamento deu o visto e prace á creación desta nova categoría e a Comisión Europea tamén. Tan só falta que os Vintesete avalen a proposta", declarou Sánchez Presedo, en referencia á decisión que debe tomar agora o Consello Europeo.

"A política de cohesión -defendeu- ofrece a oportunidade de recuperar a imaxe positiva da Unión Europea, que ultimamente os cidadáns só asocian a plans de axuste e recortes presupostarios," sinalando que "os fondos europeos contribúen á integración, á solidariedade, á cohesión e á creación dun sistema equitativo".

En opinión de Sánchez Presedo, "a futura política de cohesión, deberá reforzar a cohesión territorial e integrar os retos que formula a Estratexia Europa 2020, ter en conta as necesidades e as características xeográficas das rexións especialmente desfavorecidas, como as ultraperiféricas, as que contan con baixa densidade de poboación, as insulares, as montañosas e as fronteirizas", concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar