Sánchez Bugallo advirte que o PP quere "legalizar e ampliar as desfeitas urbanísticas" a través da nova Lei do Solo

Sánchez Bugallo advirte que o PP quere "legalizar e ampliar as desfeitas urbanísticas" a través da nova Lei do Solo

Sánchez Bugallo advirte que o PP quere "legalizar e ampliar as desfeitas urbanísticas" a través da nova Lei do Solo

Sánchez Bugallo advirte que a norma “invade competencias municipais, desprotexe o rural e non resolve a inseguridade xurídica”

O portavoz de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, acusou hoxe ao PP e á Xunta de Galicia de “legalizar e ampliar as desfeitas urbanísticas” a través dunha nova Lei do Solo. Así o dixo no debate do ditame da Comisión de Estudo para unha nova Lei do Solo, que rexeitou porque “invade competencias municipais, desprotexe o rural e non resolve a inseguridade xurídica”.

O responsable socialista propuxo un texto alternativo para “volver ao principio” e elaborar unha nova Lei empezando por elaborar unha diagnose da situación, definir os problemas a resolver e determinar os obxectivos a acadar. Acusou ao PP de presentar un “prato precociñado inaceptable” cunha norma que supón un “severo retroceso con relación á normativa de 2002 e 1997” renunciando a unha norma consensuada que garanta estabilidade e seguridade xurídica.

En definitiva, a nova norma supón un “severo retroceso da que hoxe está en vigor”, malia que xa foi modificada 10 veces por parte da administración dende a súa aprobación en 2002. Sánchez Bugallo advertiu que o anteproxecto presentado polo Goberno galego invade as competencias municipais e “non só non da resposta ás necesidades sociais, senón que agrava os problemas e desequilibros” do urbanismo galego.

Criticou así que o goberno da Xunta suprima a competencia municipal no 90 por cento do territorio, que é solo rústico. Sinalou que ao tempo fai desaparecer a protección para actividade agrogandeira e forestal abrindo o paso á proliferación de vivendas espalladas no eido rural.

Sánchez Bugallo sinalou que a norma que quere levar adiante o goberno galego “fai desaparecer a política de vivenda como obxectivo” mentres suprime os criterios de sostenibilidade urbanística, como son os estándares ou dotacións mínimas para a construción de colexios, equipamentos ou zonas verdes.

Explicou que “non é posible unha Lei do Solo que non dea resposta ás demandas e necesidades de rehabilitación e rexeneración urbana, que non protexa o solo agropecuario e que sigamos ciscando casas cando temos a convicción de que non é posible soster ese modelo”.

Ademais deixa sen resolver a situación dos planeamentos anteriores e non resolve os problemas das edificacións “fora de ordenación” e resumiu que proposta da Xunta non reúne os requisitos mínimos para ser considerada unha nova Lei, en realidade “é a actual, pero podada, recortada e empobrecida”.

Trampa saducea

O deputado socialista acusou ao PP de preparar unha “trampa saducea” ao intentar facer ver supostas coincidencias na súa postura coa do PSdeG e provocando unha “confusión interesada”. Así quedou de manifesto cando, en contra do que asegurou o portavoz do PP no tocante a que aceptaban a totalidade das conclusións dos socialistas galegos, a realidade é que votaron en contra do texto alternativo presentado por estes.

Explicou que “o noso problema non é co traballo da Comisión de Estudo para a elaboración dunha nova Lei do Solo de Galicia, senón co anteproxecto presentado polo goberno galego”. Apuntou que a discrepancia fundamental reside en que mentres os socialistas reclaman a súa retirada, o PP o utiliza como base para o ditame que impuxeron na dita Comisión.

Acusou ao PP de ofrecer un acordo “en forma de representación para quedar ben diante da sociedade cando as decisións realmente xa están tomadas” e augurou que “veremos no debate da Lei si a súa vontade de chegar a acordos é real ou ficticia”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar