Rubalcaba presenta as súas propostas para financiar a sanidade pública e blindala

Rubalcaba presenta as súas propostas para financiar a sanidade pública e blindala

Rubalcaba presenta as súas propostas para financiar a sanidade pública e blindala

Alfredo Pérez Rubalcaba expuxo no Foro sobre Sanidade da Conferencia Política do PSOE as súas propostas para financiar o sistema sanitario. O candidato socialista fixo unha defensa da sanidade pública e expuxo as medidas coas que pensa blindala fronte a quen apostan polo copago e as privatizacións. Entre as medidas anunciadas polo candidato socialista figura a supresión das desgravacións fiscais á sanidade privada. Se é presidente, Rubalcaba eliminará esas exencións que, actualmente, obteñen as empresas por asegurar aos seus traballadores na sanidade privada.

Rubalcaba, que defendeu a súa oportunidade nun momento no que se logrou que todos os españois estean cubertos pola sanidade pública, explicou que esta eliminación dos beneficios fiscais sobre as Primas de Seguros de asistencia sanitaria e de enfermidade permitirá dispor de 319 millóns de euros, que é a cantidade de diñeiro que esas exencións reduciron, en 2011, a recadación.

Incremento do imposto sobre alcol e tabaco
Outra das medidas que Rubalcaba formulou para alcanzar o equilibrio orzamentario e a suficiencia financeira da sanidade foi a subida do 10% no imposto ao alcol - excluíndo a cervexa e o viño- e o tabaco. Esta elevación impositiva suporá un incremento nos ingresos de 1.000 millóns de euros. O líder socialista sinalou que o alcol e o tabaco cústanlle “ moito” á sanidade pública e que, cando a sanidade ten dificultades económicas, está moi xustificado” levar a cabo medidas como esta”.

Así mesmo, Rubalcaba propuxo tamén a mellora na xestión de cobros do SNS a terceiros. Segundo o candidato socialista, mellorando a xestión e cobro a aseguradoras, mutuas e pacientes estranxeiros, “poderemos aumentar os ingresos dos servizos autonómicos en 700 millóns de euros”.

Con todas estas medidas, Rubalcaba asegurou que se poderán obter 2.000 millóns de euros adicionais, que equivalen ao déficit estimado para 2012. Todas elas, dixo, contribuirán a lograr a suficiencia financeira da sanidade a curto e medio prazo, sen realizar recortes nas prestacións sanitarias e sen instaurar o copago.

3.000 millóns para o pago da débeda sanitaria das CCAA
Doutra banda, o candidato socialista anunciou que impulsará un acordo político para que as Comunidades Autónomas destinen durante a próxima lexislatura 3.000 millóns de euros anuais procedentes da mellora do sistema de financiamento ao pago da súa débeda sanitaria, co que calculou que, en 4 anos, podería acabarse coa débeda acumulada.

Ademais, crearanse liñas de crédito ICO para facilitar a amortización desta débeda, e “facer fronte ás dificultades de pago aos provedores”, e acordaranse coas CCAA mecanismos contables e de control “para que o problema non volva reproducirse no futuro”.

Control de custos e sustentabilidade

Finalmente, para mellorar a eficiencia, controlar os custos e garantir a sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde no futuro, Rubalcaba apostou polas políticas de prevención, de mellora dos sistemas de atención e de fomento da responsabilidade cidadá no bo uso dos servizos, e propuxo outras medidas encamiñadas a pór en marcha políticas máis eficientes de gasto farmacéutico e melloras na xestión.

En definitiva, Rubalcaba avogou por defender a sustentabilidade do actual sistema público de saúde, que definiu como “a xoia da coroa” do Estado de Benestar español, e por iso –dixo- “é necesario pedir algúns esforzos” para que “non se produzan nin recortes, nin copago, nin privatización encuberta”. E é que “hai formas distintas de facer as cousas”, concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar