Rubalcaba: "O que Rajoy non conta, dínolo Esperanza; o que oculta, desvélao Cospedal; e Rajoy cala, pero Feijóo actúa"

Rubalcaba: "O que Rajoy non conta, dínolo Esperanza; o que oculta, desvélao Cospedal; e Rajoy cala, pero Feijóo actúa"

Rubalcaba: "O que Rajoy non conta, dínolo Esperanza; o que oculta, desvélao Cospedal; e Rajoy cala, pero Feijóo actúa"

“O que Rajoy non conta, dínolo Esperanza; o que Rajoy oculta, desvélao Cospedal; e Rajoy cala pero Feijóo actúa”. Así de contundente mostrouse o candidato socialista á Presidencia do Goberno, Alfredo Pérez Rubalcaba, fronte á falta de propostas de que fai gala Mariano Rajoy.

Rubalcaba recorreu a varios exemplos para describir o que están a facer os presidentes autonómicos do PP que parecen estar a competir en “un concurso de recortadores” de España. O líder socialista deixou claro que é o que se xogan os españois nas próximas eleccións do 20 de novembro: os dereitos básicos que garanten a igualdade de oportunidades, o acceso á Educación e á Sanidade pública e de calidade. Rubalcaba describiu a Alberto Núñez Feijóo como “o campión do mundo dos recortes”.

Rajoy converteu Galicia en “un laboratorio experimental” onde se aplican todas as restricións sociais que ten en mente o PP para executar en toda España en caso de gañar o 20-N.

Nun acto en Ourense, con todas as cabezas de lista do PSOE galego para as eleccións xerais e ante máis de 2.000 persoas, Rubalcaba lembrou que Rajoy ten “unha teoría absolutamente disparatada segundo a cal, para que a economía creza, hai que recortar a Sanidade e a Educación”. Esta é a única proposta do candidato do PP, ademais do xa coñecido “depende” que Rajoy utiliza para responder ante calquera pregunta sobre que pensa facer para crear emprego, garantir os servizos públicos ou manter o poder adquisitivo das pensións.

Rajoy, en definitiva, dedícase a “sementar máis dúbidas” sobre a economía española, a crear “incerteza social”, nun momento no que os españois xa teñen suficientes dúbidas sobre como se vai a superar a actual situación de desemprego.Por iso, Rubalcaba comprometeuse a seguir dicindo “a verdade” aos españois sobre cales son os problemas que hai que afrontar e como planea resolvelos.

Así reiterou con orgullo que “si, vou crear un imposto para grandes fortunas, e Rajoy non. E que debe saberse que vou pedirlle un esforzo aos bancos e ás caixas, e Rajoy non”. Todo iso para que os máis ricos, e o “poder financeiro”, ao que se lle axudou desde o Goberno para afrontar a crise, colaboren en crear emprego.

Crear emprego é o gran reto da próxima lexislatura, é a “causa nacional”. Rubalcaba expuxo neste sentido un “gran acordo” de todos os sectores implicados -partidos políticos, sindicatos, empresarios, caixas, bancos, universidades-, para recuperar os postos de traballo perdidos como consecuencia da crise. Pero tamén sen mentir, puntualizou, sen dicirlle aos cidadáns que “ao día seguinte de gañar as eleccións”, como promete o PP, haberá traballo para quen non o ten. Será un proceso lento que require do “esforzo de todos”, afirmou.


“Unha vergoña intolerable e inmoral”

Rubalcaba referiuse tamén ás indemnizacións millonarias que pagaron algunhas caixas de aforro, como NovaCaixaGalicia ou a CAM, a algúns dos seus directivos. Unhas indemnizacións que “deberían darlles vergoña”, máis aínda despois de ter que recibir “o diñeiro prestado por todos” para evitar a súa quebra. Para o candidato socialista estas retribucións son “intolerables e inmorais” e, por iso, esixiu ao presidente galego, Núñez Feijóo, que “non mire para outro lado, que non mire ao Banco de España, que non pida responsabilidades fóra, porque as ten el”.

A razón é que, como explicou o candidato socialista, é competencia dos gobernos autonómicos revisar as retribucións das caixas de aforro. Polo que debería ser o goberno de Feijóo, no caso de NovaCaixaGalicia, quen as paralizase.

“Nin un paso atrás”
Rubalcaba non pensa dar “nin un paso atrás” en defensa da Sanidade e Educación públicas. No que á Sanidade se refire, acusou ao PP de buscar escusas para xustificar medidas como o copago, “pagar dúas veces”, ou a privatización.

O compromiso do candidato socialista é que hai que “manter o acceso por igual” á Sanidade, que “se pode financiar desde o público”.Do mesmo xeito que considera un “disparate”, “un atentado contra a igualdade de oportunidades”, que se recorte en materia de Educación, como está a facer Esperanza Aguirre en Madrid, cando o que hai que facer è todo o contrario “porque á educación pública van os que máis necesitan da educación” e “a renda” que uns pais teñen, non pode ser un condicionante para que os seus fillos accedan a unha boa formación.

“Blanco é honesto”
Rubalcaba defendeu ao vicesecretario xeral do PSOE e cabeza de lista por Lugo, José Blanco, das acusacións que se verteron contra el durante a última semana. “As mentiras teñen as pernas moi curtas”, considerou.

O candidato dirixiu unha mensaxe aos pais do ministro de Fomento: “Tedes un fillo honesto que o único que fai é traballar por España 24 horas ao día”

Neste acto, interveu tamén o líder dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, e a cabeza de lista por Ourense, Laura Seara, ademais de José Blanco.

Entre os asistentes estaban a cabeza de lista por Pontevedra, Carmela Silva, e a cabeza de lista pola Coruña e ministro de Xustiza, Francisco Caamaño.

Blanco: Rajoy cando gobernou deu as costas a Galicia
Pola súa parte, o Vicesecretario Xeral do PSOE e ministro de Fomento, José Blanco, afirmou que "chegou o momento de acabar coa resignación, cos depende, e con aqueles que só pensan en si mesmos e nada nos galegos”, porque Rajoy, cando gobernou, “deu as costas a Galicia, e agora quíxoa converter no banco de probas dos recortes que quere pór en marcha en toda España.

Rajoy foi un ministro “que non serviu nin para Galicia nin para España. E se non o fixo antes non o vai a facer agora”, afirmou Blanco, quen lembrou que Rajoy, cando foi ministro de Educación recortou as bolsas, e como vicepresidente do Goberno esqueceuse das pensións e foi cómplice de Aznar e Feijóo na agresión que supuxo para os galegos o deseño dunha rede de alta velocidade que máis que un AVE “era un avecillo”, que perpetuaba o atraso das infraestruturas que historicamente sufriu Galicia.

“Alfredo di si ao AVE. Rajoy di 'depende', e 'depende' significa non. A elección está clara, ou o AVE ou a gaivota, ou a gaivota ou o AVE” afirmou o ministro de Fomento.

Blanco lembrou que, con Rajoy no Goberno, o ministerio de Fomento investiu en Galicia 4.000 millóns de euros, e “parecíalles unha esaxeración”, mentres que o Goberno de Zapatero investiu 8.000 millóns que contribuíron á creación e mantemento de 33.000 postos de traballo, “que é o dobre do que fixeron Rajoy e Aznar”.

Por iso, Blanco, que foi ovacionado en numerosas ocasións polo público asistente, mostrouse orgulloso de formar parte do “Goberno de Europa que máis ampliou a política social no últimos oito anos, e o que máis a protexeu aos cidadáns nos momentos de dificultade”, unha actitude que contrastou coa do PP, que en Galicia empezou “quitando os libros de texto gratuítos”, abandonando a sanidade e “enterrando as entidades financeiras” mentres permitían que uns poucos se enchesen os petos “co diñeiro de todos os galegos”.

E o resultado destas políticas, que son as que Rajoy quere pór en marcha en España, é que “o presidente de Galicia empezou o seu mandato proclamándose o patrón político das caixas galegas, e hoxe nin hai caixas nin son galegas. O presidente de Galicia comezou o seu mandato cun mercado laboral que resistía mellor ante a crise, e hoxe duplica a destrución de empregos do resto de España. O presidente de Galicia comezou o seu mandato cunha produción seis puntos por encima da media nacional, e hoxe atópase por baixo, sendo a comunidade con peor comportamento no último ano”.

Galicia foi a menos en todo
“O presidente de Galicia converteu o plus de resistencia da economía galega”, conseguido grazas ao traballo realizado por un goberno socialista, “nun plus de debilidade”, polo que se pode concluír que “o banco de probas do que falaba Rajoy” resultou ser “un experimento errado”, afirmou o Vicesecretario Xeral do PSOE, para quen “Galicia foi a menos en todo" menos “en victimismo e resignación”.

Por último, Blanco referiuse á importancia das próximas eleccións e reprochou a Rajoy que mentres “Alfredo fala claro porque ten ideas e tenas claras”, no PP teñen que ser outros, como Aznar, os que din as cousas claras e atrévense a dicir que “saen moi caros os inventos, os dereitos inventados polo PSOE”, que é “o que nos xogamos nas eleccións do próximo 20 de novembro”.

“Para Rajoy, para Aznar e para o PP saen moi caras as pensións, a sanidade pública, a educación pública, a dependencia. Para eles iso é moi caro. Pois iso, e non outra cousa, é o que nos xogamos”, advertiu.

“Fáltalles tempo para meter a motoserra e recortar a educación pública, e sóbralles indecencia para desprestixiar aos profesores. Fáltalles tempo para recortar a sanidade pública, e sóbralles cobiza para que algúns fagan negocio coa privatización da sanidade. Pero iso podemos evitalo o 20 de novembro”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar