Ricardo Varela reclama derrogar os artigos da Reforma Laboral que causaron a brutal caída dos salarios en España

Ricardo Varela reclama derrogar os artigos da Reforma Laboral que causaron a brutal caída dos salarios en España

Ricardo Varela reclama derrogar os artigos da Reforma Laboral que causaron a brutal caída dos salarios en España

O senador do PSOE por Lugo e Secretario da Comisión de Emprego reclama ao Executivo do PP que aclare onde está o límite da política de depreciación salarial e solicitou que se elimine a prolongación da xornada laboral nos contratos a tempo parcial e que se incremente o control da duración da xornada en todos os empregos

Afirma que o derrubamento salarial é un obxectivo buscado polo Goberno coa Reforma Laboral que, ademais, pretende unha caída do 20% dos salarios en España

Varela advirte de que a realización de 11.561.538 horas de traballo ilegais cada semana, impide a creación de 326.838 empregos

O senador do PSOE por Lugo e Secretario da Comisión de Emprego, Ricardo Varela, defendeu esta mañá unha moción na sesión plenaria da Cámara Alta na que reclamou o Goberno, entre outros medidas, que derrogue os artigos da Reforma Laboral que causaron a brutal caída dos salarios en España. Tamén solicitou a eliminación dos artigos que inciden en desequilibrar a negociación colectiva en favor das empresas e que actualice o Salario Mínimo Interprofesional de acordo coa Carta Social Europea. O que supoñería un salario mínimo de 900 €.

Varela denunciou que a Reforma Laboral do Goberno tiña como obxectivo principal desencadear unha caída salarial, sobre a base das decisións unilaterais das empresas, e á debilidade negociadora dos sindicatos. O parlamentario do PSOE deu datos de como en dous anos de Goberno de Mariano Rajoy, os salarios caeron un 9% e as rendas salariais transvasaron miles de millóns de euros ás rendas empresariais.

A continuación, subliñou que o exceso de horas extraordinarias de traballo sobre as regulamentariamente permitidas está a supoñer un impedimento para a creación de emprego e indicou que semanalmente se realizan máis de once millóns de horas de traballo ilegais, o que supoñería a creación de 326.838 empregos.

Ricardo Varela asegurou que a Reforma Laboral propiciou unha depreciación de parte da nosa economía e aclarou que a depreciación dos salarios é unha depreciación selectiva e inxusta que castiga as familias de salarios medios baixos.

A moción socialista tamén propoñía eliminar a prolongación da xornada laboral nos contratos a tempo parcial máis alá do previsto no pacto de horas complementarias, posto que coa regulación actual se fai imposible o control deste tipo de contratos o que permite a realización de horas máis alá do regulado e, en boa medida, non pagadas.

Finalmente, a proposta do PSOE establece reclamar ao Goberno que incremente o control da duración da xornada en todos os empregos, dado que se produciu un aumento das horas non pagadas e actualizar o Salario Mínimo Interprofesional de acordo cos criterios fixados pola Carta Social Europea.

Na exposición de motivos da iniciativa socialista, Ricardo Varela destacou que, despois de dous anos de Goberno do Partido Popular, o paro se incrementou nun millón máis de persoas malia que o Executivo pretenda convencer os cidadáns de que os novos datos do paro son unha das claves do éxito da política económica do Goberno.
Varela apuntou que a Reforma Laboral provocou dous graves efectos perversos no mercado de traballo. En primeiro lugar, foi responsable da maior perda de emprego asalariado que se produciu nun bienio (2011-2013) con 1,4 millóns de empregos e produciu a maior caída do emprego estable cunha destrución de 777.2000 traballos.

Ademais, a Reforma Laboral rompeu o equilibrio na negociación colectiva favorecendo a posición das patronais, o que supuxo a maior perda de capacidade adquisitiva dos asalariados que se produciu nunca. "Esta perda salarial, matizou, ocasiona unha restrición do consumo interno que imposibilita unha saída de crise".

O senador galego criticou que a Ministra Fátima Báñez esnaquizase o modelo de relacións laborais, xere brutais desequilibrios no proceso negociador e permítase, ademais, pedir ás grandes compañías "sensibilidade e flexibilidade" á hora de aplicar a Reforma Laboral "para evitar despedimentos". "O certo é que as empresas non fixeron outra cousa que o que o Goberno lles facilitou: despedir e rebaixar salarios", engadiu o parlamentario socialista.

Ricardo Varela afirmou que unha vez que o Goberno defende o axuste salarial e conxuntural, recoñece que este axuste formaba parte dos seus obxectivos da reforma Laboral. Neste punto, pregúntase "de que instrumentos pensa dotarse para que o axuste salarial, que cualifica de conxuntural, non se converta en estrutural" e "onde está o límite da política de depreciación, que por non poder ser monetaria nun marco de moeda única, se cifrou en exclusiva nas rendas salariais,".

Varela fixo fincapé nos desequilibrios que provocou a Reforma Laboral e sostivo que nos últimos tempos as rendas salariais caeron en 44.000 millóns de euros, ao tempo que os excedentes empresariais creceron en 18.000 millóns de euros e mostrou a súa preocupación polo incremento das horas extraordinarias e, de xeito especial, das non cobradas.

O senador lamentou que "o noso modelo económico para a saída da crise sexa o do desequilibrio na repartición da riqueza do país, a diferenza do que se fai noutros países do noso ámbito, tamén gobernados pola dereita. Isto revela que a nosa dereita é unha dereita radical e inxusta que fai que a carga da crise sexa soportada por aqueles que están na súa orixe".

Ricardo Varela concluíu lamentando que o Goberno adopta as decisións referidas aos recortes e as restricións dos dereitos con moita "discreción" e sen dar explicacións e, neste sentido, puxo como exemplo a conxelación para 2014 do Salario Mínimo Interprofesional.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar