Iniciativa lexislativa para que os concellos participen dos tributos da comunidade autónoma

Iniciativa lexislativa para que os concellos participen dos tributos da comunidade autónoma

Iniciativa lexislativa para que os concellos participen dos tributos da comunidade autónoma

O portavoz do grupo parlamentario socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, e a portavoz de economía e facenda, Begoña Rodríguez Rumbo, presentaron esta mañá o borrador da primeira proposición de lei dos socialistas nesta lexislatura para que os concellos participen dos tributos da comunidade autónoma. A iniciativa lexislativa ten como obxectivo que os concellos reciban unha maior contía de subvencións da Xunta de foma incondicionada con criterios “claros e regrados” que “favorezan a autonomía municipal” e eviten a discrecionalidade e as diferenzas “en función da cor política ou a oportunidade de favorecer a un alcalde”, explicou Leiceaga.

Os socialistas teñen previsto rexistrar a iniciativa lexislativa a vindeira semana, tras incorporar as últimas aportacións que están a recabar nestes días, e inciden na necesidade de “regular doutro xeito as relacións entre a Xunta e os concellos a efectos financeiros” porque “os orzamentos dan unha resposta insuficiente que non recolle as aspiracións municipais na súa contía, que está estabilizada desde hai demasiados anos”. As necesidades e as cargas dos municipios increméntanse ademais “froito das decisións da Xunta” polas que asumen competencias impropias en servizos sociais e noutros ámbitos, polo que “debe haber unha contribución para o financiamento local desde o ámbito autonómico”, defenden, como sucede xa noutra comunidades autónomas.

O grupo socialista buscará “unha resposta legal, estable e co apoio a ser posible de todos os grupos da cámara”, e anuncia que presentará ademais varias iniciativas adicionais para reducir as actuacións discrecionais da Xunta despois de constatar que hai “convocatorias con apariencia de concurso” nas que máis do 90% dos concellos beneficiados son do PP.

Posición do Parlamento no financiamento local
Por outra banda, o portavoz socialista considera necesario que o Parlamento de Galicia se posicione no debate para a reforma do financiamento local en España, que está aberto cun prazo de seis meses, para “recoñecer a especificidade e as necesidades e características distintas” que teñen os concellos de Galicia. Leiceaga anunciou que o financiamento local terá “unha atención especial” por parte dos socialistas.

A portavoz de Economía e Facenda, Begoña Rodríguez, lembrou que a iniciativa lexislativa dos socialistas, sempre ligados ao “municipalismo” é “unha reivindicación de hai moitos anos por parte dos concellos para buscar un financiamento máis axeitado ás competencias que teñen que desenvolver”. A socialista incidiu na necesidade de “que se regule por lei que os concellos teñan garantida unha contía mínima que vaia crecendo todos os anos”, e que no caso de que tivese que reducirse, haxa unha mesa de negociación con representantes da Xunta e da Fegamp que pacte as condicións “con criterios claros e obxectivos”. A proposta socialista atende a aspectos como o avellentamento ou a dispersión poboacional, ademais do número de habitantes e territorio, para favorecer as necesidades dos concellos máis pequenos.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar