Rexeitan a proposta de redución de xulgados de Gallardón e o Poder Xudicial porque discrimina ao medio rural e aos seus habitantes

Rexeitan a proposta de redución de xulgados de Gallardón e o Poder Xudicial porque discrimina ao medio rural e aos seus habitantes

Rexeitan a proposta de redución de xulgados de Gallardón e o Poder Xudicial porque discrimina ao medio rural e aos seus habitantes

Dolores Rodriguez Amoroso, interpelou ao Goberno sobre a proposta do Poder Xudicial que acolleu o ministro Gallardón para elaborar o proxecto de lei de Reforma de Planta e Demarcacións Xudiciais

A nova distribución afastará aos habitantes do rural da Xustiza e contribuirá de xeito dramático á eliminación de servizos no rural e a que moitos profesionais marchen para as cidades

Rodríguez Amoroso preguntou tamén polo proxecto para o incremento xeralizado das taxas xudiciais, mediante o que os socialistas acusan aos populares de querer introducir un elemento de diferenza social na Xustiza

A parlamentaria socialista, Dolores Rodríguez Amoroso, definiu a proposta do Poder Xudicial como “moi lesiva” para Galicia. Os socialistas sospeitan que o proxecto de lei que presente Gallardón estea baseado no informe realizado polos xuíces e que, probablemente, estea listo nun prazo de cinco meses. Polo tanto moito antes do que auguraba a carta enviada aos concellos polo Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, na que falaba dun “proceso longo”.

A proposta de base para a elaboración do proxecto de Lei de Modificación da Planta e Demarcación Xudicial supón, a xuízo dos socialistas, “unha nova discriminación para o medio rural de Galicia e para os seus cidadáns aos que o Goberno vai tratar como cidadáns de segunda”, asegura Rodríguez Amoroso.

A razón é que esta nova demarcación afasta dos cidadáns a Xustiza eliminando xulgados e “condenándoos” a longos desprazamentos para calquera trámite xudicial por moi simple que este sexa. “E logo creamos comisións para estudar a situación demográfica e queremos fixar poboación no rural”, recrimina aos populares a deputada socialista, “pois con medidas como estas mal vamos”, dixo.

Desde o Grupo Socialista están “seguros que se chega a aprobarse unha demarcación como a proposta ou semellante, isto contribuirá de xeito dramático á eliminación de servizos no rural e a que moitos profesionais marchen para as cidades”.

Rodríguez Amoroso pediu a Alfonso Rueda que se pronunciara sobre si é consciente da importancia que ten para as vilas e concellos de Galicia unha infraestrutura xudicial no seu termo municipal, a importancia socioeconómica dun xulgado, e como afecta ao establecemento dos profesionais do Dereito (avogados, procuradores, notarios), os bancos e a hostalería. Estes veranse abocados ao peche ou empezar de cero. Os traballadores dos xulgados tamén se verán afectados polo desprazamento do posto de traballo.

Pero “esta proposta prexudica especialmente aos cidadáns”. Xa que establece un criterio de distancia máximo dos xulgados de 100km., ou 1hora. “Non sabemos como se mide”, apunta Amoroso, pero “si se vai medir en transporte público en Galicia non é que non se poda chagar nunha hora, simplemente non hai transporte público” para garantir a cobertura da distancia máxima proposta polo Poder Xudicial.

Os socialistas consideran que esta proposta, de levarse a cabo, “suporía un importante deterioro dos servizos públicos e, concretamente da Administración de Xustiza”, unha opinión que comparten, dixo Rodríguez Amoroso, os colexios de avogados e procuradores, a clase xudicial ourensá, concellos e multitudes de colectivos que teñen criticado este informe do CXPX.

A futura lei de Planta Xudicial deixaría a Galicia con só 13 xulgados de 43. Lugo e Ourense terían só 2 xulgados cada unha. A dispersión e a renda non se tiveron en conta, o que prexudicaría seriamente a Galicia, nomeadamente ao medio rural.

TAXAS XUDICIAIS

Inmediatamente despois, Rodríquez Amoroso preguntou ao Goberno sobre a valoración da decisión do Goberno de España de aumentar de xeito xeneralizado as taxas xudiciais. O anteproxecto de lei de Gallardón, ao que se remitiu a deputada socialista, pretende cobrar 500€ por recorrer unha sentenza do Social. Por recorrer unha multa, 200€ e por reclamar unha neglixencia médica 350€. Son algúns dos exemplos expostos pola deputada socialista.

Rodríguez Amoroso salientou que, fora cun goberno socialista cando se universalizara o acceso á Xustiza e reprobou que “teña que vir un Goberno Popular” , o de Mariano Rajoy, para que se volvan a instaurar as taxas, que por primeira vez afectan á segunda instancia na xurisdición laboral e aumentan de xeito significativo as taxas nos ordes civil, administrativo e mercantil.

Para os socialistas a imposición do réxime de taxas crea “un novo elemento de diferenza social, con cidadáns de primeira, os que podan pagar, e de segunda, os que non teñan recursos”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar