Rexeitan a Lei de Montes da Xunta por “incendiaria” ao recortar as franxas de protección

Rexeitan a Lei de Montes da Xunta por “incendiaria” ao recortar as franxas de protección

Rexeitan a Lei de Montes da Xunta por “incendiaria” ao recortar as franxas de protección

Sonia Verdes sinala que supón o “machadazo final ás políticas de desenvolvemento rural” e “desvaloriza o monte”

A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Sonia Verdes, rexeitou a Lei de Montes da Xunta por canto ten de “incendiaria” ao “achegar o lume ás casas” reducindo as franxas de protección. Os socialistas presentaron unha emenda de devolución a este texto que supón o “machadazo final ás políticas de desenvolvemento rural” e “desvaloriza o monte”.

A responsable socialista acusou á Xunta de presentar esta Lei “3 anos tarde para queimar Galicia”, xa que “non garante a protección das persoas e dos bens nin do territorio fronte aos lumes”. Explicou que este texto “recorta as franxas de protección para a xestión do mato en torno aos núcleos de 100 a 50 metros sen ningún criterio técnico” mentres “cargan aos concellos coa competencia para a protección dos núcleos rurais”.

Engadiu que a Lei presentada hoxe pola Xunta “permite que prolifere o mato a 50 metros das casas, e que a menos de 30 metros se poidan plantar pinos e eucaliptos”. Advertiu que a Xunta “evita calquera responsabilidade na xestión das franxas de protección” cando a Xunta ten competencia “na protección e defensa fronte aos incendios forestais do territorio, das persoas e dos seus bens” co que “poñen en risco a vida dos veciños”.

Verdes lembrou que o propio informe do Consello Económico e Social advirte que esta Lei modifica de facto a Lei de Incendios de Galicia e “pon en evidencia a necesidade dunha modificación explícita da norma e non a través da disposición derradeira primeira da Lei de Montes”. A responsable socialista acusou á Xunta de aproveitar esta nova norma para “derrogar a Lei de Incendios” en lugar de elaborar un texto novo”.

Este texto supón o punto final a 3 anos nos que “desmantelaron as Uxfor, suprimiron as axudas á multifuncionalidade do monte, recortaron mais de 22 millóns de euros na prevención de incendios e ordenación forestal. Tamén, dixo, suprimiron so convenios cos concellos para a protección dos núcleos, recortaron un 30 por cento as axudas de explotación, ou suprimiron as axudas aos gandeiros que manteñen a fauna salvaxe.

Dixo que “o problema é un rural abandonado, envellecido e despoboado”, fronte a un goberno que “chega 3 anos tarde, 3 anos de desleixo para co monte e para co medio rural de Galicia”. Advertiu que esta norma “non atende á realidade do monte en Galicia, non potencia o monte como patrimonio esencial e estratéxico para o desenvolvemento sostible e non serve para apostar por un rural vivo e dinámico”.

A conclusión desta xestión, dixo, son 2.500 explotacións pechadas, 6.000 empregos perdidos, 36.400 hectáreas arrasadas polo lume só no ano 2011, 4 traballadores falecidos mentres loitaban contra o lume e as Fragas do Eume “arrasadas polo lume” no que supón “un récord de incompetencia” en 100 días de xestión da conselleira do Medio Rural.

Liñas vermellas

Verdes reclamou a devolución desta Lei porque “hai liñas vermellas que non se poden traspasar e coas que non estaremos de acordo” cando a Lei “non promove a valorización e o aproveitamento multifuncional e sustentable do monte galego”. Ademais, dixo, “non resolve os problemas do minifundio e non ten en conta a base territorial do monte para o aproveitamento gandeiro e a súa contribución á prevención de incendios”.

Engadiu que “acrecenta os problemas que xeran conflitividade no monte e son motivo de moitos dos incendios forestais, deixando en mans dos concellos con escasos recursos a competencia para a retirada do gando ilegal do monte”. Ademais “non aborda a dinamización dos montes veciñais pero atenta contra o seu réxime xurídico e a súa necesidade de protección”.

Explicou que “promove a inxustificada forestación das terras agrarias, e non garante a conservación da superficie agraria útil e o acceso ás terras para o redimensionamento das explotacións, nin sequera nas zonas de importante actividade agraria ou nas comarcas de interese leiteiro”. Ademais, dixo, esta norma “non garante as dotacións económicas que permiten unha política responsable que contribúa á posta en valor do monte”.

A responsable socialista puntualizou que “o problema é un rural abandonado, envellecido e despoboado, o problema é o goberno do plan de abandono, do peche de explotacións e do desleixo”. Finalizou que esta norma “non aposta pola dinamización dun medio rural vivo, por un monte valorizado onde convivan o monte e as explotacións agrogandeiras que constribúen coa súa actividade á prevención de incendios”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar