Reunión da sectorial de Educación do PSdeG

Reunión da sectorial de Educación do PSdeG

Reunión da sectorial de Educación do PSdeG

A Sectorial de Educación do PSdeG-PSOE celebrou unha reunión co obxecto de analizar e debatir a situación actual do sistema educativo, tanto no que atinxe a Galicia como no referente ao Pacto Educativo e aos traballos da Subcomisión do Congreso sobre esta materia.
Guillermo Meijón, como Vicepresidente primeiro da Mesa de Educación do Congreso e vicecoordinador da Subcomisión do Pacto Educativo, trasladou unha panorámica completa dos acordos iniciais da subcomisión e da metodoloxía de traballo. Así mesmo, anunciou a presenza de Ángel Gabilondo na primeira sesión de comparecencias, que se celebrará o vindeiro martes. Unha proposta do Grupo Parlamentario Socialista en base á experiencia acumulada polo exministro de Educación en materia de Pacto Educativo e un recoñecemento ao seu infatigable labor por acadar un pacto que, se non saiu adiante, foi polos mesquinos cálculos electorais dun Partido Popular que entendeu que asinar non se correspondía cos seus intereses.
Luis Álvarez, viceportavoz no Parlamento de Galicia e voceiro de Educación, trasladou aos membros da sectorial o conxunto de iniciativas presentadas na cámara galega polo grupo socialista en materia de educación. Tamén destacou a falla de compromiso da Xunta de Feijóo co sistema educativo público repetidamente denunciada polos socialistas galegos.
Na reunión da Sectorial de Educación de Galicia acordouse formar dous grupos específicos de traballo para atender dúas grandes áreas específicas: Pacto Educativo e Sistema Educativo Galego.
O primeiro deles, coordinado por Guillermo Meijón, atenderá todos os labores relativos aos traballos sobre o Pacto Educativo, analizando aquelas cuestións que incidan especialmente nas características específicas do sistema educativo galego e a súa consideración e presenza no debate da subcomisión.
O segundo, coordinado por Luis Álvarez, permitirá optimizar a rede educativa galega da Sectorial de Educación, de forma que se poida contar a tempo real cunha radiografía completa do noso sistema educativo, que será traducido en iniciativas concretas no Parlamento de Galicia e a análise das que sexan debatidas na cámara.
O deseño final de ambos grupos de traballo conformará unha rede de máis de duascentas personas que terán a futura Lei de Educación de Galicia como horizonte e referente, xa que constituirán a documentación base que debe servir para que esta lei sexa unha realidade no noso país e poida responder de forma efectiva e eficiente ás necesidades do Sistema Educativo de Galicia.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar