Responsabilizan ao PP de traer máis paro, corrupción e sufrimento a Galicia

Responsabilizan ao PP de traer máis paro, corrupción e sufrimento a Galicia

Responsabilizan ao PP de traer máis paro, corrupción e sufrimento a Galicia

María Quintas definiu a política de emprego do PP en Galicia e no Estado como a “política de Baltar”
 
Reprochou a Mato escudarse nos datos do Goberno Zapatero cando xa se herdou a si mesma en Galicia, comunidade con maior caída de afiliación á Seguridade Social do Estado e cun paro xuvenil que supera o 48%

 
A portavoz de Traballo socialista, María Quintas, afirmou que desde que o PP irrompeu de novo en Galicia e no Estado “so trouxeron mentiras, máis paro, corrupción e sufrimento”.
 
Ao longo da exposición dunha interpelación á Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, a parlamentaria ourensá reprochou ao Goberno popular que Galicia se convertera na comunidade autónoma de todo o Estado na que máis cae a afiliación á Seguridade Social, mentres o Executivo de Feijóo reduce o orzamento en políticas de emprego  e “nin sequera o executa”.
 
Quintas recriminou á titular de Traballo do Executivo de Feijóo que o paro xuvenil supere o 48%, cunha taxa de crecemento do 34%, “das máis elevadas do Estado”. E iso sen contar coa fuxida de mozos e mozas que “a ministra alemá está encantada de recibir” pola súa cualificación. “Mentres o PP está encantado de que 70 xóvenes se marchen a diario de Galicia”.
 
A deputada socialista criticou a constante referencia ao Goberno socialista da conselleira, recordándolle que, en Galicia so houbo cinco de Gobernos socialistas en máis de 30 anos de Goberno autonómico. “Señora Mato vostede hérdase a si mesma”, replicoulle, para conminarlle a continuación a facer algo en materia de emprego, en lugar de “precarizar, privatizar e desprezar á cidadanía arrasando cos dereitos e a dignidade das persoas”.
    
Quintas reduciu a política de emprego da Xunta “ao que fixo sempre a dereita: Submisión ou emigración”. Citou concretamente o caso de Ourense, “onde a políticas de emprego chámase Baltar”, estilo co que colaborou a propia consellería “mandándolle una cartiños” ao presidente da Deputación, para “colocar aos que están no ERE noutros concellos”.
 
Tamén mencionou o caso dunha prima do Presidente da Xunta que foi nomeada para ocupar a xefatura da Casa da Xuventude, e “se lle crea unha praciña de educadora” ante a previsible imposibilidade de optar por méritos ao próximo concurso de traslados.
 
“Esta é a política de emprego do Partido Popular: Barcenas, sobres e do Sr. Baltar”, afirma María Quintas.
 
Recordou Quintas que desde a reforma laboral de Rajoy hai 37.000 galegos máis no paro, subiu a taxa de paro xuvenil 10 puntos, hai 37.600 xóvenes menores de 25 anos, 5.400 máis ca hai un ano, 92.000 fogares teñen todos os seus membros no paro e 129.000 non perciben ningunha axuda.
 
Para a deputada socialista, a política dos populares en materia de emprego lévanos a unha Galicia “insolvente e sen futuro”. Respecto aos Orzamentos, son para Quintas “decepcionantes e tramposos”, xa que abren a porta á privatización sistemática do sector público, acollen un descenso do 40% nas políticas activas de emprego e recorte 463,7 millóns de euros só nos capítulos de desenvolvemento empresarial, promoción de emprego, I+D+i, sanidade, educación e accións social. “Os orzamentos agochan un discurso reaccionario”, sentenciou.
 
A portavoz de traballo rematou recordando que os pensionistas perderon un 8% do valor das súas pensións desde 2009, momento en que o PP regresou ao Goberno da Xunta. Tamén perderon os traballadores no Salario Mínimo Interprofesional e os empregados públicos perderon o 25% do seu poder adquisitivo. O sector privado viuse sometido á depreciación salarial, reducións de xornada con baixa de salario e convenios colectivos por baixo do IPC.
 
A parlamentaria afeou ao Executivo de Feijóo que “nos fogares galegos irrompe a pobreza, a desigualdade, o risco de exclusión social en familias que hai pouco formaban parte da clase media”. Citou que en Galicia 662.000 persoas viven no limiar da pobreza e en risco de exclusión social, 100.000 en pobreza extrema. E recordou que o 20% dos nenos e nenas viven en fogares pobres.   

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar