Respaldo á iniciativa de Unións Agrarias no Parlamento para pedir axudas reais polas xeadas

Respaldo á iniciativa de Unións Agrarias no Parlamento para pedir axudas reais polas xeadas

Respaldo á iniciativa de Unións Agrarias no Parlamento para pedir axudas reais polas xeadas

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe que o Grupo Socialista asumirá a presentación da Proposición non de Lei de Iniciativa Popular impulsada polo sindicato Unións Agrarias para pedir axudas aos viticultores e produtores de castaña afectados polas xeadas de abril.

O portavoz socialista confirmou a “plena disposición de levar esta iniciativa –que debe ir respaldada por 3.000 sinaturas- ao Pleno da Cámara en canto regulamentariamente sexa posible”. Sinalou a iniciativa do sindicato por “ser capaz de asumir un procedemento participativo para volver traer a discusión ao Parlamento co apoio dunha parte moi importante de afectados por esta problemática”.

Advertiu que detrás do lema acuñado por Feijóo da Lexislatura do Rural “agóchase o ataque máis profundo e insidioso que nunca ao futuro do rural galego”. Criticou que as medidas anunciadas polo goberno galego en resposta ás xeadas responden á “estratexia de comunicación de anunciar axudas para todos nas mellores condicións que na política real van nunha dirección totalmente distinta”.

Sinalou que, á hora da verdade, “tal e como vimos nos incendios, agochan unha letra pequena pola que as grandes contías quedan en calderilla, e impoñen dificultades e atrancos para que quen debera percibilas poida acceder a elas”.

O responsable socialista acompañou ao secretario xeral de UU.AA., Roberto García, que presentou as sinaturas necesarias para rexistrar esta iniciativa e que advertiu que as axudas en realidade “non chegan a un 90 por cento dos afectados” ao estar limitadas a viticultores que teñan esta actividade como principal, “é dicir: para as adegas”, resumiu.

Seca

Fernández Leiceaga acusou ao goberno galego de responder á seca “encomendándose ás forzas da natureza, como nos incendios, agardando a que chova”. Por outra parte, dixo, criticou que tódolos seus esforzos estean dirixidos a “intentar que sexan outros os que se fagan responsables do asunto” e sinalou á campaña de comunicación que “encomendaba aos cidadáns para que foran coidadosos e aos concellos para que convenceran aos cidadáns”.

Puntualizou que, máis alá da cidadanía e dos concellos, “é a Xunta quen debe responder disto”, mentres se empeña en “non estar cando hai problemas, segundo o goberno galego sempre son outros os que deben responsabilizarse”. Reclamou unha “estratexia a medio e longo prazo” por parte do goberno galego para afrontar o cambio climático que “foi negado polo PP ata que non lle quedou máis remedio”.

Anunciou ademais unha serie de iniciativas neste sentido tanto no Parlamento de Galicia como no Parlamento Europeo para cambiar as condicións das primas da PAC, que “cando se queiman os pastos estas axudas desaparecen, polo que os gandeiros atópanse con que non poden levar aos animais a pastar e ademais non computan para ter axudas europeas”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar