Rego reclama a comparecencia de Hernández pola implicación profesional dos responsables de urbanismo en bufetes

Rego reclama a comparecencia de Hernández pola implicación profesional dos responsables de urbanismo en bufetes

Rego reclama a comparecencia de Hernández pola implicación profesional dos responsables de urbanismo en bufetes

O parlamentario socialista Ismael Rego ven de solicitar a comparecencia do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, pola implicación profesional dos responsables de urbanismo da súa Consellería en bufetes de avogados “dedicados a poñer en cuestión os resultados da aplicación da política urbanística por parte da Xunta”.

Rego sinalou que “vai sendo hora de que Feijóo poña coto á política urbanística do seu Goberno”. Así o dixo logo de coñecer que un vogal da Comisión de Urbanismo de Galicia, designado persoalmente polo conselleiro, está en nómina de Urbagalex, que defende intereses privados en contra da Xunta, tal e como deron a coñecer recentemente os medios de comunicación.

O responsable socialista asegurou manter unha “dúbida máis que razoable” sobre a “posible utilización da información procedente de dentro da administración contra as decisións da propia administración”. Engadiu que “persoas que teñen información privilexiada como xestores da política urbanística, moi ben poden utilizala en contra do interese xeral e colectivo dos cidadáns a favor de intereses puramente privados”.

Rego considera que “unha situación destas características só pode ser explicada polo conselleiro de Territorio como máximo responsable non soamente do nomeamento da persoa ou persoas afectadas, senón que ademais é o máximo responsable do deseño, execución e aplicación da política urbanística de Galicia”.

Sinala que o conselleiro debe aclarar de forma urxente “a posible implicación de responsables da administración urbanística de Galicia, nomeados polo propio conselleiro, en empresas privadas dedicadas á defensa de litixios xudiciais contra os resultados da aplicación da lexislación urbanística de Galicia, algunhas deles mesmo con sentencias xudiciais en firme”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar