Reforzo da Risga e dos programas de Atención á Dependencia e discapacitados

Reforzo da Risga e dos programas de Atención á Dependencia e discapacitados

Reforzo da Risga e dos programas de Atención á Dependencia e discapacitados

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe á Xunta que utilice a décima adicional de endebedamento permitida polo Goberno, o que suporía 62 millóns de euros a custe cero, para reforzar a Risga e os programas de atención á dependencia e a discapacitados. Así o dixo na xornada parlamentaria sobre “Pobreza e Desigualdade” organizada hoxe polo Grupo Socialista na Cámara autonómica.

O responsable socialista lembrou as propostas do Grupo Socialista para reformar os Orzamentos e “facer cambios na normativa que permitan que a Lei de Exclusión Social cumpra coas promesas”. Sinalou á necesidade de “eliminar problemas burocráticos que permitan acceder á Risga sen ter unhas listas de espera excesivas”.

Fernández Leiceaga, que interveu para presentar as conclusións da Xornada, instou á administración autonómica a intervir para “corrixir os efectos do mercado” e neste sentido “facer o posible para que o mercado xere as menores desigualdades posibles”. Isto supón, explicou, “reforzar as capacidades e as cualificacións das persoas que entran no mercado do traballo e reforzar as competencias das que xa están”.

Os recursos públicos, dixo, deben ser “suficientes para atender ás situacións de necesidade”, sinalando aos casos nos que “non hai suficiente emprego para familias que non atopan ingresos derivados do traballo”. Aludiu así aos datos de emprego coñecidos onte, e que revelan que “algo está facendo mal a Xunta cando o dato é tan diferente” da tendencia estatal.

Sinalou que mentres no último ano a creación de emprego roldou o 3 por cento no Estado, en Galicia foi a metade, “non creando nin sequera os empregos que promete a Xunta”. Advertiu que o desemprego creceu en Galicia en 12.900 persoas, o 70 por cento do total das persoas desempregadas que se crearon en todo o Estado.

Xornada

Fernández Leiceaga pechou esta xornada na que os socialistas galegos congregaron a xestores municipais e asociacións, expertos da administración e da universidade para discutir un dos principais problemas das “sociedades da abundancia e da opulencia do mundo occidental”. Dixo que resulta “sangrante dende a ética progresista ver a situación de pobreza e desigualdade da nosa sociedade.

A xornada dividiuse en dúas mesas de debate, a primeira delas foi moderada pola portavoz de Administración Local do Grupo parlamentario, Begoña Rodríguez Rumbo, que estivo acompañada polas concelleiras de Servizos Locais dos concellos de Vigo, O Carballiño, Lugo e Culleredo, Isaura Abelairas, Marina Ortega, Ana Abelleira e María Guadalupe Pombo, respectivamente.

A segunda mesa foi presentada pola Portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, e contou coa presenza da doutora en economía na USC e membro da ICEDE, Ánxela Troitiño, o psicólogo experto en políticas sociais, Santiago Porta, a Secretaria Xeral de Cáritas Diocesana de Lugo, Mónica Yáñez, e o Presidente de EAPN Galicia Antonio Hernández.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar