Reforzar os servizos públicos, modernizar a economía, máis autogoberno e pensar nas persoas

Reforzar os servizos públicos, modernizar a economía, máis autogoberno e pensar nas persoas

Reforzar os servizos públicos, modernizar a economía, máis autogoberno e pensar nas persoas

A viceportavoz do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou hoxe as Propostas de Resolución ao debate do Estado da Autonomía, dirixidas a reforzar os servizos públicos, modernizar a economía galega e impulsar a creación de emprego, reforzar o autogoberno e “pensar nas persoas”.

Vilán fixo públicas as 40 propostas que os socialistas defenderán na sesión de mañá coa que remata o Debate, sinalando que “apostamos polo diálogo para desenvolver cambios políticos e económicos dende xa”. Acusou ao presidente da Xunta de “situarse na irresponsabilidade” ao negar o diálogo na Cámara Autonómica para chegar a acordos coas propostas do resto dos grupos.

A viceportavoz do Grupo Socialista sinalou as propostas dirixidas á modernización de Galicia, sinaladamente no sistema de transporte, reclamando a conexión ferroviaria coa Meseta e a chegada do AVE a Galicia. Advertiu que a publicación, hoxe da licitación desta infraestrutura no BOE sitúa a chegada do tren a Galicia “como moi pronto en 2022”, en contra dos anuncios de Feijóo.

Con relación ao reforzo dos servizos públicos, sinalou a proposta dun Plan Urxente para rematar coas listas de agarda da Dependencia para aquelas persoas que teñen recoñecido o dereito. Explicou que, co ritmo de creación de prazas dos gobernos do socialista Emilio Pérez Touriño, Galicia tería en 2018 84.000 prazas, 24.000 máis que as que ten anunciado onte o presidente da Xunta.

Ademais, reivindicou a retirada do anteproxecto de modificación da Lei de Saúde de Galicia, en resposta aos “milleiros de persoas que están protestando pola rúa” contra unha norma que suprime as áreas sanitarias de Salnés, A Mariña, Lemos e Valdeorras. Reivindicou que “siga o mesmo camiño do Anteproxecto da Lei de Acuicultura”, retirada polo goberno, ademais de reforzar o persoal sanitario con 1.600 novas prazas.

Diálogo

Vilán sinalou a “necesidade do diálogo e do acordo entre as forzas políticas” e tildou de “irresponsable” que Feijóo “dixera onte que non podemos falar da reforma do Estatuto porque non é o momento do diálogo”. Advertiu que “precisamente este é o momento de dialogar e de falar e por iso plantexamos a reforma da Constitución no Estado e do Estatuto en Galicia convocando a Comisión de Reforma do Estatuto.

Os socialistas, sinalou, “deploramos a ruptura da orde constitucional e do dereito internacional e reivindicamos respecto ao Estado de Dereito”, a raíz da situación que se está a vivir en Cataluña.

Finalmente, sinalou unha batería de propostas dirixidas a “mellorar a vida das persoas”, cun plan de emprego especialmente dirixido a xóvenes, mulleres e parados de longa duración, o reforzo dos servizos públicos da educación e do emprego e un Plan de acollida para refuxiados que “remate coa vergoña dos refuxiados nas fronteiras”.

O País das Marabillas

A portavoz socialista criticou que o presidente da Xunta se presentara onte “como Alicia no País das Marabillas” cun relato no que se presentou “moi preocupado por Cataluña pero cunha visión distorsionada dos problemas reais dos galegos e das galegas”.

Neste sentido, amosou a súa sorpresa por que o presidente da Xunta sinalara que “ningún outro debate se celebrou en condicións máis infames” cando, lembrou, “el mesmo quixo que coincidira co Referéndum de Cataluña”, ao desbotar as propostas para cambiar a data. Sinalou que “o fixo así porque quere agochar detrás da cuestión catalana a súa propia parálise e o pouco que ten que ofrecer como balance”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar