A reforma da Lei de Saúde, no camiño de reducir servizos e empeorar a atención sanitaria

A reforma da Lei de Saúde, no camiño de reducir servizos e empeorar a atención sanitaria

A reforma da Lei de Saúde, no camiño de reducir servizos e empeorar a atención sanitaria

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, participou hoxe en Monforte na concentración dos traballadores do Hospital contra a reforma da Lei de Saúde de Galicia posta en marcha polo goberno galego. O responsable socialista reclamou a retirada do texto cando aínda é anteproxecto de Lei, xa que “vai no camiño de reducir os servizos de proximidade e de empeorar a atención sanitaria”.

Fernández Leiceaga acompañou ao alcalde de Monforte, José Tomé, nun acto no que tamén participaron o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, os parlamentarios lugueses José Antonio Quiroga e Concepción Burgo, e representantes políticos e institucionais do PSdeG na provincia.

O responsable socialista reclamou “reforzar os hospitais comarcais como o de Monforte, xerando máis recursos financeiros e humanos para a sanidade pública”. Apostou por seguir un “camiño posible” que, “lonxe de desmantelar as áreas sanitarias, conduciría a reforzar aquelas que teñan necesidades que poidan ser mellor cubertas se este centro se convirte nun Hospital de Referencia”.

Sinalou que o reforzo da sanidade “depende da vontade política” do goberno galego, que acaba de presentar unha reforma legal dirixida a “crear dous tipos de sanidade, unha de primeira e outra de segunda”. A reforma suporá “un paso máis” –logo da creación das Eoxi- no “desmantelamento das áreas sanitarias e na redución dos servizos de proximidade”, facendo desaparecer as áreas de Monforte, Burela, Salnés e Valdeorras.

Privatización

O alcalde de Monforte, José Tomé, avogou por “impedir que a Xunta leve adiante unha reforma claramente prexudicial para a sanidade de Galicia” que busca “beneficiar á sanidade privada” impoñendo “dúas varas de medir”. Advertiu que “se este modelo de provincia única fora tan bo A Coruña e Pontevedra terían distritos sanitarios nas cidades e áreas provinciais en lugar de contar con tres áreas a primeira provincia e dúas a segunda”.

Advertiu que a área de Monforte está a perder autonomía “ata o punto de que para reparar un ordenador hai que chamar a Lugo, non compran repostos, non cobren as prazas de servizos e tratan de cubrir as vergonzas desprazando a especialistas”.

Esta última práctica, sinalou, mesmo supón “deixar descuberto o Hospital de referencia” mentres o especialista visita Monforte, cando sería “innecesario se os servizos estiveran cubertos”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar